RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Schär, con Suíza, pelexará por unha praza no Mundial contra Irlanda do Norte

Foto: - www.football.ch -

O deportivista Fabian Schär e a súa selección, Suíza, pelexará neste parón do mes de novembro contra Irlanda do Norte por un billete para o Mundial de Rusia 2018. Será en formato de eliminatoria de ida e volta.

O partido de ida xogarase o vindeiro xoves 9 de novembro no Windsor Park de Belfast (Irlanda do Norte, 19:45, hora local); e a volta o domingo 12 de novembro (18:00 horas) no St. Jakob Park de Basilea (Suíza).

O central branquiazul foi titular indiscutible en toda a fase de grupos, na que Suíza acabou segunda do grupo 2, igualado a 27 puntos coa primeira clasificada, Portugal, pero con peor diferenza de goles que os lusos.

Romanía confirma a convocatoria de Andone e Pantilimon

Os futbolistas branquiazuis Florin Andone e Costel Pantilimon foron convocados para dous partidos amigables da súa selección, Romanía, neste mes de novembro.

Os encontros serán ante Turquía na cidade romanesa de Cluj o xoves 9 de novembro, e o martes 14 de novembro en Bucarest fronte a Holanda.

Romanía quedou fóra da próxima edición do Mundial, en 2018 en Rusia, ao quedar clasificada en cuarta posición no seu grupo, por detrás de Polonia, Dinamarca e Montenegro.

Ambos os xogadores incorporaranse á concentración do seu equipo nacional o domingo 5 de novembro, unha vez que o Dépor disputase o seu partido ligueiro o sábado 4, no Estadio ABANCA-RIAZOR, ante o Atlético de Madrid (16:15, Bein Sports).

Nixeria cita por primeira vez á meta Francis Uzoho

Francis Uzoho, gardameta que recentemente debutou en partido oficial coa camiseta do RC Deportivo, foi chamado por primeira vez pola selección de Nixeria, para o último encontro de clasificación para o Mundial de Rusia 2018 e un amigable.

Francis, que debutou en LaLiga Santander en Eibar e repetiu titularidade en casa ante o Girona, foi convocado pola Federación de Nixeria para os partidos ante Alxeria e Arxentina, os días 10 e 14 de novembro, respectivamente.

Nixeria, xa clasificada para a fase final da Copa do Mundo do próximo verán, pechará a liguiña eliminatoria fronte a Alxeria no estadio Chahid Hamlaoui de Constantina (Alxeria) o venres 10 de novembro. O martes 14 de novembro disputará un amigable ante Arxentina no Krasnodar Stadium, en Krasnodar (Rusia).

O porteiro branquiazul deberá presentarse na concentración nixeriana, en Marrocos, o luns 6 de novembro, após o partido do Fabril (domingo 5 de novembro, 12:00 horas) en Abegondo fronte á Gimnástica Segoviana.

O fabrilista Ismael Díaz, coa selección Panameña

Hernán Darío Gómez, seleccionador de Panamá, convocou ao xogador do Fabril Ismael Díaz para os dous partidos que disputará o conxunto centroamericano ante Irán e Gales, os días 9 e 14 de novembro.

Ambos os encontros son preparatorios para o Mundial de Rusia 2018 e o xogador deberá incorporarse á concentración en Austria após completar o seu compromiso deste domingo co Fabril.

España será un dos rivais de Celso Borges

Celso Borges e a súa selección, Costa Rica, tamén clasificada para o Mundial, disputará dous amigables en Europa.

O primeiro deles será o sábado 11 de novembro no Estadio de La Rosaleda de Málaga (21:30 horas) ante España.

E o martes 14 de novembro, os 'ticos' visitarán a Hungría, no Estadio Ferenc Puskas de Budapest (20:15, hora local).

O mediocentro branquiazul, un dos fixos para o seu seleccionador nacional, terá que incorporarse á concentración de Costa Rica o luns 6 de novembro.

Dous partidos amigables para Fede Valverde e Uruguai, ambos en Europa

Do mesmo xeito que Celso Borges, Fede Valverde aforrarase un longo desprazamento a Sudamérica neste próximo parón ligueiro, debido a que a súa selección, Uruguai, xa clasificada para o Mundial de Rusia, disputará dous partidos amigables en Europa.

O primeiro deles será ante Polonia, en Gdansk, o venres 10 de novembro (20:45 horas), e o segundo fronte a Austria, no estadio Ernst Happel de Viena, o martes 14 de novembro (20:45 horas).

O centrocampista branquiazul terá que incorporarse á concentración uruguaia en Varsovia este luns 6 de novembro.