RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Schär: "Estou moi orgulloso de xogar por estas cores"

Fabian Schär falou esta tarde na sala de prensa da Cidade Deportiva de Abegondo, na súa primeira comparecencia pública como xogador do RC Deportivo.

O central suízo manifestou que "cando contactaron as persoas do Deportivo mostraron moito interese para que eu viñese. Entón sentinme moi ben vindo aquí. Estou moi contento de estar aquí".

Do Dépor, apunta Schär, que "sei que é un Club grande, que ten moita historia. Tivo bos tempos, gañou a liga. Estou moi orgulloso de estar aquí, de xogar por estas cores. Estou moi ilusionado de xogar na liga".

Recoñece, iso si, que "non é o Deportivo de fai 10 ou 15 anos. Pero o Dépor deu un paso adiante. E eu estou aquí para axudar a dar ese paso. Falaremos das metas máis adiante".

Sobre o seu paso polo fútbol alemán, tras facer unha gran temporada co Basilea e o equipo nacional helvético, explica o novo defensor deportivista que "foi un bo ano para o Club, o Hoffenheim, pero non para min. Tamén estiven lesionado. Non participei tanto. Iso é pasado. Agora é mirar cara a adiante. O que teño é moita ilusión por participar na liga".

Nesta temporada de Mundial, Schär asegura que a súa cabeza está única e exclusivamente no Deportivo: "Estou a pensar en xogar aquí, preparado para xogar. A Selección ten partidos difíciles para clasificarse para o Mundial. A miña mente está aquí, e eu estou ilusionado en xogar aquí".

Non teme a competencia no seu posto, é máis, "como en todos os clubs bos, sempre hai competencia. Estou aquí para demostrarlle ao adestrador e ao equipo que quero xogar, quero participar. Se todos adestramos ben, xogarán os que o teñan que facer".

Defínese como un defensa ao que lle gusta "saír co balón desde atrás. O adestrador explicoume que era o que estaba a buscar. Gustoume a idea. Teño un bo primeiro toque".