RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Schär gaña con Suíza en Irlanda do Norte e achégase ao Mundial

Foto: -@fabianschaer -

Hoxe xoves 9 de novembro entraron en xogo coa súa selección tres xogadores do Dépor: Fabián Schär con Suíza; Andone e Pantilimon con Romanía; ademais do fabrilista Ismael Díaz con Panamá.

Foron titulares Schär e Pantilimon; mentres que Andone e Ismael Díaz saíron desde o banco na segunda metade.

Mañá venres, a quenda será para Fede Valverde con Uruguai e o fabrilista Francis con Nixeria.

Schär, con Suíza, venceu en Irlanda do Norte

O deportivista Fabian Schär e a súa selección, Suíza, pelexa contra Irlanda do Norte por un billete para o Mundial de Rusia 2018 en formato de eliminatoria de ida e volta.

O partido de ida xogouse hoxe xoves 9 de novembro no Windsor Park de Belfast. Gañou Suíza (0-1), que se achega así ao Mundial. Schär foi titular e xogou completo o encontro, a pesar de recibir un cartón amarelo aos 5 minutos de xogo.

A volta será o domingo 12 de novembro (18:00 horas) no St. Jakob Park de Basilea (Suíza).

O central branquiazul foi titular indiscutible en toda a fase de grupos, na que Suíza acabou segunda do grupo 2, igualado a 27 puntos coa primeira clasificada, Portugal, pero con peor diferenza de goles que os lusos.

Pantilimon foi titular ante Turquía

Os futbolistas branquiazuis Florin Andone e Costel Pantilimon foron convocados para dous partidos amigables da súa selección, Romanía.

O primeiro deles foi hoxe xoves ante Turquía no Estadio Constantin Radulescu de Cluj. O meta Pantilimon foi titular e xogou 71 minutos. O outro deportivista, Florin Andone, saltou ao campo no minuto 67 substituíndo a Keserü. Venceron os romaneses (2-0).

O segundo encontro amigable de Romanía será o martes 14 de novembro en Bucarest fronte a Holanda (21:00 horas).

Romanía quedou fóra da próxima edición do Mundial, en 2018 en Rusia, ao quedar clasificada en cuarta posición no seu grupo, por detrás de Polonia, Dinamarca e Montenegro.

O fabrilista Ismael Díaz xogou a segunda parte fronte a Irán

Hernán Darío Gómez, seleccionador de Panamá, convocou ao xogador do Fabril Ismael Díaz para dous partidos preparatorios para o Mundial de Rusia 2018.

Así, hoxe xoves 9 de novembro, os panameños caeron (2-1) ante Irán no UPC-Arena de Graz (Austria). Ismael xogou toda a segunda parte, na que substituíu a Josiel Núñez.

O martes 14, Panamá visita a Gales, no City Stadium de Cardiff ás 19:45 (hora local).

España será un dos rivais de Celso Borges

Celso Borges e a súa selección, Costa Rica, tamén clasificada para o Mundial, disputará dous amigables en Europa.

O primeiro deles será o sábado 11 de novembro no Estadio da Rosaleda de Málaga (21:30 horas) ante España.

E o martes 14 de novembro, os 'ticos' visitarán a Hungría, no Estadio Ferenc Puskas de Budapest (20:15, hora local).

Fede Valverde e Uruguai, ante Polonia

Do mesmo xeito que Celso Borges, Fede Valverde aforrouse un longo desprazamento a Sudamérica neste parón ligueiro, debido a que a súa selección, Uruguai, xa clasificada para o Mundial de Rusia, disputará dous partidos amigables en Europa.

O primeiro deles será ante Polonia, en Gdansk, mañá venres 10 de novembro (20:45 horas), e o segundo fronte a Austria, no estadio Ernst Happel de Viena, o martes 14 de novembro (20:45 horas).

Nixeria cita por primeira vez ao meta Francis Uzoho

Francis Uzoho, gardameta que recentemente debutou en partido oficial coa camiseta do RC Deportivo, foi chamado por primeira vez pola selección de Nixeria, para o último encontro de clasificación para o Mundial de Rusia 2018 e un amigable.

Nixeria, xa clasificada para a fase final da Copa do Mundo do próximo verán, pechará a liguiña eliminatoria fronte a Alxeria no estadio Chahid Hamlaoui de Constantina (Alxeria) mañá venres 10 de novembro.

O martes 14 de novembro disputará un amigable ante Arxentina no Krasnodar Stadium, en Krasnodar (Rusia).