RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Schär: "Temos calidade para estar entre os dez primeiros"

Fabian Schär compareceu esta mañá ante os medios informativos na sala de prensa de Abegondo. Confesou após regresar de selar o seu pasaporte con Suíza para o próximo Campionato do Mundo, que é "un gran soño ir a Rusia co meu equipo nacional. Estou moi feliz por iso".

Explicou que "en Belfast na ida gañamos 1-0 e fomos mellores. En Basilea o partido foi máis duro, cun céspede complicado, moita choiva, moita auga no céspede. Ao final conseguimos ir a Rusia".

Contou que agora hai que pasar páxina. Así, cualifica dun partido "moi difícil" o deste domingo 19 de novembro en Málaga (12:00, Bein LaLiga): "Os dous equipos necesitamos os 3 puntos. Pero se xogamos como o fixemos os últimos partidos temos posibilidades de lograr puntos".

Da liga española, o central deportivista destaca que "os partidos son moi rápidos, os xogadores son moi técnicos, a todos gústalles xogar ao fútbol. Hai que estar os noventa minutos concentrados".

Aínda que admite que si lle gustaría marcar, advirte non obstante que "non é o meu obxectivo no equipo. O máis importante é o equipo, que consiga puntos".

Preguntado polo cambio que experimentou o Dépor coa chegada de Cristóbal Parralo ao banco branquiazul, Schär apunta que o equipo "adestra moi ben durante a semana. O último partido foi moi bo. Progresamos moito tácticamente, defendemos como un equipo e atacamos como un equipo. É moi importante".

Coincide con Zakaria Bakkali, que afirmou no seu día que o Dépor ten cadro para estar entre os dez primeiros de LaLiga: "Temos calidade para iso. Non estamos aí polo momento. Necesitamos traballar como o estamos facendo até agora, necesitamos lograr puntos", recalcou.