RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Se non xogas con intensidade nesta liga, valo pasar mal", lembra Luisinho

Luisinho compareceu ante os medios informativos esta mañá na sala de prensa de Abegondo e subliñou que "somos realistas e se non xogas con intensidade na liga española, valo pasar mal".

Apunta o lateral deportivista que Cristóbal Parralo, técnico deportivista, "é consciente diso. Chegou agora, ten as ideas moi claras. Faltábanos un pouco iso, ter esas ideas claras".

Afirmou que as ideas de Pepe Mel "eran distintas" ás de Cristóbal, aínda que deixou claro que "son dous grandes adestradores. Pepe Mel non tivo a sorte este ano de triunfar pero é un gran adestrador. As cousas non saíron ben, e vós sabedes que cando non hai resultados quen sofre é o adestrador".

Nesta liña, advirte que "nos temos que meter na cabeza que somos nós os que temos que sacar isto adiante. Nós temos que mellorar a imaxe que estamos a dar. Só así, seguindo esta liña imos mellorar".

Após este parón, Luisinho ve ao equipo "mellor, traballando sempre todos os aspectos de campo. O equipo vai ir ben a Málaga", este domingo 19 de novembro (12:00 horas, Bein LaLiga) na Rosaleda.

Ve o choque "moi importante tanto para o Deportivo como para o Málaga. O Málaga non atravesa un bo momento. E vai ser un partido de moita tensión".

Insiste en que este encontro da xornada 12ª de LaLiga Santander será "moi disputado. O Málaga é un equipo grande de España, ten bos xogadores e vai ser un partido complicado".

Preguntado polo seu estado físico, Luisinho lembra que no partido ante o Atlético, "todo o equipo estivo a un gran nivel físico. Sentín unha dor e con medo de correr o risco de parar bastante tempo preferín retirarme, e non prexudicar ao equipo. O desgaste foi enorme, non só meu senón tamén dos meus compañeiros. Hai que seguir así. Nesta liña podemos sacar algo positivo".

Pide repetir o domingo o vivido nos dous últimos partidos ligueiros, nas Palmas e no Estadio ABANCA-RIAZOR ante o Atlético de Madrid, e xogar "con esa intensidade, con esa fe. Así podemos sacar isto adiante".