RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Seedorf: "Creo neste grupo porque vimos moitas cousas boas"

Clarence Seedorf manifestou na sala de prensa do Estadio ABANCA-RIAZOR que "cada derrota é un momento infeliz. Neste momento temos que mirar ás cousas ben feitas. Foi un partido difícil, ante un equipo que xoga moi ben a posesión de balón. Pero creo que o Dépor sempre estivo ordenado durante os 90 minutos, deixando pouco espazo para que eles creasen ocasións".

Apunta o técnico holandés que o Deportivo "loitou, xogou como conxunto. A liña é esta. Hai que seguir. Todo o mundo quería un resultado diferente pero hai máis partidos por diante. Nós estamos convencidos de que este é o camiño. Entraron no vestiario coa decepción da derrota pero coa sensación de que a enerxía, a actitude, cambiou".

Pediu "un pouco máis de paciencia porque o camiño xa está marcado. O equipo foi competitivo hoxe contra un equipo con moita calidade. Creo neste grupo porque vin moitas cousas boas e hai que seguir traballando para liberar a cabeza, liberar a tensión".

Reitera que non mira a clasificación: "Eu cheguei aquí hai unha semana. A miña preocupación de verdade é o Dépor. A única cousa é Dépor, como traballamos todos os días, a convicción de saír desta situación. Estou convencido, o grupo está convencido. Se eu vexo os ollos, vexo as caras, hai decepción, hai rabia. É normal, é xusto".

O adestrador deportivista insiste en mirar "as cousas que se fixeron ben. Varias cousas fixéronse ben, varias ocasións de gol. Hai que seguir traballando, partido a partido".

Pola súa banda, Quique Setién, técnico bético, indicou que "fixemos un partido bastante completo. Controlamos moitas cousas. Xogamos gran parte do partido en campo contrario, co equipo local replegado moi preto da súa área. Custounos atopar os camiños para xerar máis accións de perigo, máis centros, mellores remates e demais. Pero controlamos o xogo e é certo que houbo momentos en que eles nos crearon algúns problemas porque os xogadores que teñen son rápidos, verticais, que sempre están aí. Non é fácil defendelos".

Por este motivo, opina que o Dépor "é un bo equipo a pesar de que a xeira igual... Pero ten moi bos xogadores".