RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Seedorf dedica os 3 puntos "a todos os afeccionados que aman estas cores"

Clarence Seedorf manifestou na sala de prensa de San Mamés que nestes momentos tralo triunfo ante o Athletic Club, segundo consecutivo esta temporada, "é importante tomar conciencia dunha vitoria moi importante para o noso grupo".

Quixo dar publicamente o "parabén ao grupo. Non só os que xogaron, tamén os que están a adestrar ou xogan menos. Hai unha actitude moi positiva de todos".

O técnico holandés quedou coa imaxe da afección, "moi contenta despois do partido. Nós estamos contentos e felices por eles. Todos sufriron dentro, fóra... Os 3 puntos son dedicados a todos os que aman estas cores".

Chanceou ante os medios de comunicación cos minutos finais de abafo debido á presión do Athletic Club: "Eu non teño o pelo branco, pero se seguen así igual téñoo rápido". Iso si, aínda que viu tensión, tamén confesou estar "confiado porque vía que se axudaban moito. O tema é o respecto ao adversario, que é un gran equipo, con xogadores importantes. O fútbol xa sabemos como é. Ao final aguantamos e ímonos a casa con puntos moi importantes".

Así mesmo, preguntado polos 2 partidos que restan esta semana (martes 17 no Estadio ABANCA-RIAZOR ante o Sevilla e venres 21 en Leganés), Seedorf lembra que "o desgaste é igual para todos os equipos. Todos os equipos teñen máis ou menos o mesmo calendario. Imos ver como recuperamos nos próximos días, sabendo que podo contar cun grupo que demostrou que o que entra é importante. Estamos ben fisicamente pero haberá que traballar moito para recuperar os esforzos".