RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Seedorf: "Hai que buscar a vitoria con serenidade, con forza, con convicción"

Clarence Seedorf manifestou na sala de prensa do Estadio ABANCA-RIAZOR que "todas as semanas son importantes. Todos os partidos valen os 3 puntos. Esta vez non hai nada diferente".

Do Getafe, rival do Dépor mañá mércores 28 de febreiro no Coliseo Alfonso Pérez (19:30, Bein LaLiga), subliñou que é un equipo "moi ben organizado, que vin persoalmente contra o Athletic Club. Paréceme un equipo moi ordenado, sabe o que quere. Un equipo difícil para todos, até para os grandes, contra os que fixo bos partidos".

Preguntado por Muntari, apunta que "el pode xogar de inicio. Pensámolo. Hai posibilidade que poida ser esta semana. Temos que facer as cousas ben para poder telo até final de ano dando a súa achega ao equipo".

Asegurou que mañá en Getafe xogará Rubén na portería: "Estamos contentos como está a levar a porta. Cero goles no último partido, con boa actitude. Vimos a un bo Rubén, que segue crecendo en confianza. É importante para un porteiro".

Para puntuar mañá remítese a "organización e a mesma intensidade. As palabras de sempre. Intensidade significa segunda xogada, saber presionar ao xogador con balón para non dar espazo... E gozar da nosa calidade, que temos xogadores con calidade que hai que aproveitar".

Confesa que non está preocupado pola falta de gol do seu equipo: "En todos os partidos creáronse ocasións de gol. É só cuestión de tempo. O fútbol ás veces hai refachos nos que non se atopa o gol. O importante é non regalalos e seguir sempre dentro do partido. E iso mostrámolo".

Na súa opinión, "con serenidade hai que buscar a vitoria, con forza, con convicción. E esa convicción vén do traballo que se fixo durante a semana e nos últimos partidos".

Advirte que o equipo non pensa nos seus rivais: "A nosa cabeza está só en Getafe. Vimos onte (coa derrota do Levante ante o Betis) que todos perden puntos. Temos que seguir loitando os nosos partidos".

Reitera que "todos os rivais non van seguir gañando todos os seus partidos, pero se nós non facemos o noso, tampouco nos vai a axudar. O foco está nos nosos partidos".