RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Seedorf: "Imos dar a vida por esta afección, por este Club até o final"

Clarence Seedorf manifestou na sala de prensa do Estadio ABANCA-RIAZOR que "este grupo traballou de verdade de maneira exemplar desde que cheguei. Imos seguir así. O ambiente está ben, estamos felices pero con moita rabia dentro porque queremos máis, e cremos que isto debía de suceder moito antes. Aínda segue esta rabia".

Insiste en que "gañamos 3 puntos pero sabemos que o camiño non termina hoxe. Vai empezar hoxe para nós con outras conviccións, con outra situación, outra maneira de poder traballar día a día a semana que vén, sabendo xa que o próximo partido vai ser moi duro".

O técnico holandés cre que co 1-0 o equipo botouse atrás: "Parecía que nos quedaban 10 minutos de partido e faltaban aínda 70 minutos", pero na segunda metade, "fixemos algúns cambios principalmente de actitude, de estar máis adiante, de presionar máis arriba, e de xogar cando tiñamos balón. O segundo tempo xogamos practicamente en campo deles".

Asegura que "sigo crendo. Agora máis aínda. Se onte era optimista, imaxina como estou agora. Temos que seguir o noso camiño, partido a partido. Todos van ser partidos diferentes, con adversarios totalmente diferentes".

Tamén resaltou que "a sorte cambiou cando Riazor se acendeu. É fundamental que nos partidos de casa siga sendo así. Imos dar a vida por esta afección, por este Club até o final. Agradecemos moito o apoio que xa sei que é duro para a afección. Hai que crer, hai motivo de crer. Demostramos que o equipo quere, está vivo".

Pola súa banda, José González, técnico do Málaga CF, indicou que "o equipo perdeu por valentía. O Dépor gañounos por contragolpes, por ir a polo partido, por con 1-1 perder moitos balóns en tres cuartos atacando nós".

Resalta que está "moi orgulloso co traballo de todos os futbolistas, empezaron un partido costa arriba cun penalti máis que dubidoso. O equipo xogou moi ben ao fútbol no primeiro tempo. O segundo tempo meteron eles algo máis de brío nos primeiros 10 minutos. Aí estivemos algo máis espesos. Perdemos moitos balóns na zona de tres cuartos e producíronse moitos contragolpes. Pero se se producen contragolpes é que o teu equipo está a atacar ao rival".