RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Seedorf: "O equipo segue con atención, con forzas, con ganas, con determinación"

Clarence Seedorf subliñou na sala de prensa do Estadio ABANCA-RIAZOR que o equipo chega ao partido de mañá domingo 1 de abril ante o Atlético de Madrid (20:45, Bein LaLiga) no Wanda Metropolitano con "boas sensacións. O equipo segue adestrando ben, segue con atención, con forza, con ganas, con determinación. Non hai ningún sinal de que a xente non cre. Ao contrario, seguro que vai ser un equipo competitivo".

O técnico holandés explica que este parón ligueiro serviu para "dar un pouco de descanso aos xogadores. Había necesidade de limpar un pouco todo." En consecuencia, Seedorf, a pouco máis de 24 horas de retomar a competición ligueira, "vivo, con ganas de loitar".

Opina que desde a súa chegada á Coruña "o ambiente é pesimista. Enténdoo porque son moitos anos que o Dépor sofre. Pero non hai que vivir do pasado. Hai que vivir o momento. Hai que ter moito orgullo polo que o equipo puido facer no pasado pero o Deportivo tivo moitos anos deste tipo. Non hai motivos para non crer".

Apunta que "visto con obxectividade, en varios partidos merecemos moito máis. A sorte vai ter que cambiar. Nós ímola a cambiar seguindo o traballo que se está facendo, entrando nos partidos como grupo. Ata que estean abertas as opcións, este grupo non vai baixar os brazos. Iso vese no traballo día a día, o que a xente se cadra non pode ver. Pero eu si".

Ao contrario, Seedorf aprecia nos seus futbolistas "moitísimas ganas, moitísima loita, moitísimo esforzo todos os días nos adestramentos. Non só por parte dos xogadores".

Do Atlético de Madrid, cre que as baixas non baixarán o seu potencial: "Ten un cadro que fai que o que entre vai estar a un nivel moi alto".