RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Seguimos en pé de loita", asegura o vestiario branquiazul na zona mixta

Celso Borges e Pedro Mosquera atenderon aos medios de comunicación na zona mixta do Coliseo Alfonso Pérez.

O internacional costarriqueño deixou unha mensaxe de loita sen cuartel: "Non nos podemos render. Por máis que as situacións vaian en contra en canto a resultados, temos que seguir pelexando. O equipo ten que saír nesa liña".

Cre Celso que ao Dépor "fáltalle concretar un bo resultado que nos dea ánimos. Isto é tan rápido que o sábado hai outro partido e temos que pensar en positivo".

Subliña o mediocentro deportivista que "o tentamos hoxe aquí de todas as maneiras. Será que o fútbol é así de caprichoso. Non podemos rendernos por máis que a situación pinte para iso. Nós seguimos en pé de loita".

Pola súa banda, Pedro Mosquera indica que "o resultado foi duro para nós. Viñamos con moita ilusión despois das boas sensacións do último partido. En dúas xogadas fóisenos o partido. E logo xa nun campo como este, ante un rival tan ben armado defensivamente, é moi complicado".

O futbolista coruñés recoñece que "encaixamos gol con facilidade. É algo que temos que corrixir. Nos últimos partidos parece que cortaramos esa sangría, pero bo, o resultado é duro".

Resalta Mosquera o positivo: "Creo que nos primeiros 35 minutos estivemos ben, buscando a Lucas e a Bakkali en longo. A partir desas dúas accións o partido púxose moi costa arriba".

Promete "seguir traballando e estou convencido que esta fin de semana imos conseguir os 3 puntos".