RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Segundo partido completo e segunda vitoria en catro días para Schär con Suíza

Hoxe domingo, Fabian Schär, con Suíza, gañou (0-3) a Letonia, pechacancelas do grupo de clasificación para o Mundial.

Mañá luns, a quenda será para Andone e Pantilimon con Romanía; e Tytoń con Polonia.

Fabian Schär foi titular no claro triunfo suízo en Riga

Hoxe domingo 3 de setembro, Suíza, con Fabian Schär no once inicial, impúxose (0-3) a Letonia, pechacancelas do grupo 2 de clasificación para o Mundial.

O defensor branquiazul xogou enteiro o partido e mañá luns emprenderá viaxe de regreso á Coruña.

Os suízos, con 24 puntos, marchan líderes do grupo 2 de clasificación europea para o Mundial, con 3 puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado, Portugal, que suma 21 puntos.

O central deportivista tamén foi titular o pasado xoves no triunfo de Suíza ante Andorra no Kybunpark de St. Gallen (3-0).

Schär xogou os noventa minutos dun partido marcado polo estado do terreo de xogo, completamente encharcado debido ao diluvio caído sobre a localidade de St. Gallen.

Andone e Pantilimon visitan mañá luns a Montenegro

Mañá luns 4 de setembro, Romanía, no que se atopan concentrados Andone e o meta Pantilimon, visita a Montenegro nun choque que se xoga no Podgorica City Stadium de Podgorica (20:45, hora local). O partido é clasificatorio para o Mundial de Rusia 2018.

Os romaneses son cuartos clasificados do grupo 5 de clasificación europea con 9 puntos, a 7 de distancia do líder Polonia; e a 4 puntos da segunda praza, que daría opción a xogar a repesca, en poder agora mesmo de Montenegro e Dinamarca, ambos con 13 puntos.

Florin Andone foi titular o pasado venres 1 de setembro no partido que Romanía disputou ante Armenia no National Arena da capital Bucarest, e que se saldou con triunfo in extremis dos romaneses (1-0), cun gol de Maxim no minuto 90.

O dianteiro deportivista xogou o partido completo e dispuxo dalgunha boa ocasión para marcar. Pantilimon, fichado ese mesmo día polo Dépor, foi suplente.

Tytoń, en Varsovia fronte a Kazajistán

Polonia, co porteiro deportivista Tytoń, recibe mañá luns 4 de setembro a Kazajistán no Estadio Nacional de Varsovia (20:45, hora local), en choque clasificatorio para o Mundial de Rusia 2018.

Os polacos lideran o grupo 5 de clasificación europea con 16 puntos, agora con 3 de vantaxe sobre Montenegro e Dinamarca, empatados a 13 puntos.

Tytoń non foi finalmente convocado para o Dinamarca-Polonia do pasado venres 1 de setembro no Telia Park de Copenhague. Gañaron os daneses con claridade (4-0).

Celso Borges vence en Estados Unidos

Celso Borges e a súa selección, Costa Rica lograron o pasado venres 1 (madrugada de onte sábado en España) un gran triunfo en Estados Unidos (0-2), en choque que se disputou no Red Bull Arena de Harrison (Nova Jersey).

O mediocentro deportivista xogou  os noventa minutos nun brillante partido dos 'ticos'.

O martes 5, Borges enfróntase a México (Estadio Nacional de San José, 20:05 hora local, 4:00 da madrugada do mércores 6), xa clasificada para Rusia 2018.

Tal e como apuntan varios medios de comunicación de Costa Rica, se Celso Borges xoga ante México, converterase no xogador con máis partidos en eliminatorias mundialistas, cun total de 43 presenzas.

En total, o mediocentro branquiazul superou xa os 100 partidos coa selección costarriqueña.

Fede Valverde quedou sen debutar coa absoluta

A Federación Uruguaia de Fútbol convocou a Fede Valverde para os próximos encontros de clasificación para o Mundial de Rusia 2018, nos que o combinado celeste mídese a Arxentina e Paraguai.

É a primeira citación na selección absoluta para o novo centrocampista branquiazul, que o pasado mes de xuño foi elixido Balón de Prata da Copa do Mundo Sub-20.

A selección de Uruguai enfrontouse a Arxentina en Montevideo este xoves 31 de agosto (1:00 da madrugada do venres 1 en España). Houbo empate sen goles (0-0) e o mediocentro deportivista non chegou a saltar ao terreo de xogo, no que tería sido o seu debut coa absoluta.

O martes 5, os uruguaios visitan a Paraguai (20:00 hora local, 2:00 da madrugada do mércores 6 en España), partido que se disputará no Estadio Defensores del Chaco de Asunción, a capital do país.

O combinado celeste ocupa agora mesmo a terceira praza da fase de clasificación de Sudamérica con 24 puntos. Os catro primeiros clasificados obterán o billete para Rusia e o quinto deberá xogar unha eliminatoria contra o campión de Oceanía cuxo vencedor tamén estará no Mundial.