RCD / NOVAS

"Só nos vale gañar", advirte Pepe Mel do choque de mañá sábado ante o Getafe

29/09/2017 20:54

Pepe Mel manifestou na sala de prensa do Estadio ABANCA-RIAZOR, ao finalizar o último adestramento desta semana, que "só nos vale gañar", mañá sábado 30 de setembro ás 13:00 horas (Bein LaLiga) ao Getafe CF.

Confesou pasar unha semana "medianamente normal, traballando pensando no Getafe, estudando ao Getafe, vendo os partidos do Getafe. Máis aló diso non houbo nada especial. Cando un chega á situación límite, ten que traballar con tranquilidade porque tes que pór todos os sentidos centrados no que ti podes conseguir, o que podes facer".

Sobre a súa continuidade á fronte do banco deportivista, o técnico madrileño indicou que "entendo as regras do fútbol, entendo as regras do meu traballo, entendo as regras que levan a todos os adestradores a vivir dos resultados. Os resultados non están a ser bos, e máis aló de se mo dixeron ou non, o que teño claro é que só teño un obxectivo, que é gañarlle ao Getafe".

Nesta liña, apunta que "a presión é para min. Ao equipo hai que deixalo aparte". Explica que "son o máximo responsable. O que mañá se xoga son tres puntos para o Dépor e outra cousa diferente é o que se xogue para min, pero para o Dépor son tres puntos. Aos xogadores hai que facerlles ver que son tres puntos importantes para eles, para a clasificación, para o futuro da liga do Dépor e para estar na táboa nunha situación un pouco máis cómoda".

Subliña ademais que "se gañamos ao Getafe, que seguro que si, volvereima a xogar contra o Eibar. Se gañamos, volvereima a xogar co Girona, porque un adestrador cando está nesta situación, queda bastante tocado. Isto é así. Vai ser continuo. Se teño a sorte de que todo sae ben, e os resultados acompañan, a maior ilusión do mundo sería chegar a maio".

Asegura que a relación cos seus futbolistas é "bastante boa. Eles saben que as miñas decisións veñen pola resposta que esperamos que dean no campo. Non van máis aló. Adestramos ben, o ambiente nos adestramentos é bo. A relación corpo técnico-futbolistas é boa, pero os resultados non acompañan. A mellor forma que teñen de apoiar ao corpo técnico é mañá deixarse a pel aí, suar a camiseta ben. Máis aló do resultado, voume a ir contento con eles se o fan así. Daquela isto é un xogo, no que pasan moitas cousas".

Pide Pepe Mel mañá sábado ao seu equipo "centrarnos no xogo agora. O importante é centrarnos nas cousas que facemos ben e mellorar as malas, que son as que nos matan".

Por iso, máis que no aspecto mental, recalca o adestrador deportivista a importancia dos "aspectos tácticos. Corrixir eses erros que nos están facendo tanto dano".

Cualificou ao Getafe como "un bo equipo", que ademais "vén de facer as cousas ben". Por este motivo, cre que "se viramos a vista ao adestrador, o Dépor seguramente perderá. Quérome centrar en dicirlles a eles as cousas. Vimos vídeos de cousas que temos que mellorar, vimos vídeos de cousas que facemos ben, porque non todo o facemos mal".

Espera un equipo madrileño que, "como todos os que ascenden de Segunda División, os primeiros partidos veñen coa dinámica boa de gañar, e iso perdúralles no tempo mínimo dous meses. Fichou ben. Ten un centro do campo compacto, con Vergara; velocidade con Álvaro e Amat. Logo Jorge Molina ao que eu quero moito, fai as cousas moi ben. Tíveno seis anos. Coñézoo perfectamente. Un equipo duro, que se pecha ben, co 4-4-2, non deixa espazos".

Máis novas de: PEPE MEL