RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Somma: "Estou convencido de que imos saír. Confío moitísimo nos meus compañeiros, no corpo técnico, en todos os que traballan no Club"

Michele Somma atendeu aos medios de comunicación no Hospital HM Modelo, após protagonizar con Misa, porteira do Deportivo ABANCA, a quinta edición da campaña ‘¡No te arriesgues corazón!', que organiza anualmente HM Hospitales.

O defensor italiano apunta que esta temporada sofre a afección "e nós tamén. Estamos todos no mesmo barco. Estamos a sufrir todos".

Aprecia melloría co empate do pasado sábado en ABANCA-RIAZOR ante o Alcorcón, "pero estamos últimos. Toca seguir así para tentar saír de todo isto canto antes".

A pesar de que aumenta a distancia respecto dos seus predecesores, Somma asegura que "pensamos en nós, en gañar os partidos, que é o que necesitamos, o que fai falta. Logo cando sumemos, veremos ao final".

Preguntado polo cambio de sistema na pasada xornada, o defensor deportivista sostén que "o máis importante do partido foi non encaixar goles. Estivemos ben neste sentido. É o máis importante, o que necesita todo o equipo. Isto foi unha melloría importante. Toca seguir así". "O cambio de sistema son cousas do míster. O míster pensa o mellor para nós en cada partido. O que podemos facer é saltar ao campo a dar o 110 % en cada partido", puntualiza.

Pensa que no momento actual polo que atravesa o Deportivo, "calquera cousa vénnos en contra. Toca traballar. A única solución que coñecemos todos é traballar".

Así mesmo, resta importancia aos nervios que poida haber presentes no vestiario: "Cada un quere o seu mellor rendemento en cada partido e cando non o consegue está con nerviosismo. Pero isto son cousas normais".

A nivel persoal, confesa que esta situación clasificatoria "é unha experiencia nova na miña carreira. Aquí vese quen son os homes e quen non. Nós somos todos homes. Por iso estou convencido de que imos saír disto. Confío moitísimo nos meus compañeiros, o corpo técnico, na directiva, en todos os que traballan no Club. Estou convencido de que todos sairemos disto".

Do encontro no Anxo Carro de Lugo deste domingo 1 de decembro (18:00 horas, Movistar LaLiga), indica Somma que "para nós calquera partido é importante contra calquera equipo. Nós necesitamos gañar, os 3 puntos. Así que calquera partido é importantísimo".