RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Sullastres ve ao Dépor ABANCA "con ganas de resetear" despois de Logroño e pide "solidez defensiva" ante o Real Madrid

Esther Sullastres pasouse pola sala de prensa de ABANCA-RIAZOR a pouco máis de 48 horas para a visita do Real Madrid á Cidade Deportiva de Abegondo, prevista para o sábado 27 ás 12:00, en encontro correspondente á 24ª xornada na Primera Iberdrola.

A gardameta branquiazul opina que ante os tres partidos complicados que veñen por diante para o Dépor ABANCA, o primeiro este sábado, "o equipo cambiou o chip. Estamos noutra dinámica. Sabemos que é moi complicado pero afrontámolo con borrón e conta nova; e con ganas de facelo ben porque o partido anterior (en Logroño) non fixemos as cousas ben. Estamos con ganas de resetear e afrontar o partido como o que é, un partido para ir disputar os puntos".

Confesa que non está pendente da clasificación: "Entendemos que temos que gañar os duelos directos e se cadra rascar algún punto máis. Agora mesmo con tres puntos non sairías do descenso pero estamos a catro. Tampouco o vexo moi difícil, factible é. Hai que facer os deberes e partido a partido".

Tampouco di que o equipo se marca obxectivos como "sacar tantos puntos en tantas xornadas. Pero non o vexo tan imposible. O Real Madrid deixouse puntos, vén de perder contra o Levante UD cunha boa formulación de partido. O Atleti está a perder de máis. Son momentos que hai que aproveitar".

Recoñece que a derrota do pasado domingo en Las Gaunas foi "un mazazo, un pau. Non nos esperabamos perder e moito menos perder como se perdeu. O luns vías ao equipo tocado pero o mércores o equipo cambiou o chip, son partidos diferentes, xogar de forma diferente, asumir menos riscos. Vexo ao equipo con ganas. Estamos a catro puntos a pesar de perder contra un rival directo. Eu véxoo factible".

De feito, Sullastres lembra que "a pesar de empezar mal a liga, con esa xeira de oito derrotas; a pesar de perder puntos importantes como o Betis en Abegondo... Ao final os números son os que son. Estamos a catro puntos. Son dous partidos, quédannos rivais directos. Demostrouse nesta liga que os de abaixo pódenlle gañar aos de arriba".

De cara ao partido ante o Real Madrid, a porteira do Deportivo ABANCA pide "ser sólidas en defensa, algo que nos faltou no partido anterior. Sobre todo solidez defensiva, non cometer erros, non asumir riscos parvos, ter moita frescura a nivel da creación de xogo e ser efectivas arriba".

De novo coa presenza dunha representación de #ANOSAFORZA na bancada de Abegondo, sostén que este aspecto "nótase moitísimo. As últimas dúas xornadas en casa con público notouse moito. Hai pouca xente, están separados, pero están cos tambores, co bombo, cantando, animando... Dáche un impulso... Un equipo non só son as que xogan e as que non, senón que é todo: afección, sensacións, campo, ambiente. No noso caso nótase moitísimo e o ano pasado notábase moito porque sempre estaba a bancada chea".