RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Temos equipo para saír desta situación e xuntos imos saír", subliña Sidnei

Sidnei pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo. O central brasileiro asegura que o vestiario é consciente da importancia do partido deste sábado 17 marzo no Estadio ABANCA-RIAZOR ante a UD Las Palmas (13:00 horas, Bein LaLiga). "É unha final. Sabémolo. Temos que empezar a cambiar esta dinámica", recalca.

Por este motivo, advirte que "nós non podemos pensar outra cousa que non sexa sumar os 3 puntos o sábado. O único pensamento é a vitoria. Non podemos pensar en nada máis".

Durante eses 90 minutos, "non podemos fallar en nada. Temos que estar ao cento por cento todos, de principio a fin porque temos que gañar si ou si".

Recoñece que "pesa bastante" no Dépor levar tanto tempo sen gañar: "Moitas veces fas as cousas ben e acabas sen os 3 puntos. Iso acaba por pesar un pouco".

Do partido de Xirona do pasado sábado, lamentouse Sidnei que se escapou "por dúas accións a balón parado. Foi unha pena porque fomos alí a polos 3 puntos".

Á afección, Sidnei pídelle que "nos siga apoiando como sempre. Estamos confiados. Sabemos que temos equipo para saír desta situación e xuntos estou seguro que imos saír".

O defensor branquiazul insiste ao deportivismo que "ten que crer. Estamos a traballar para conseguir o obxectivo. Estou seguro que a afección fará como sempre fai. Sempre está aí apoiando. Nós estamos a traballar para saír desta situación e darlles unha alegría".

Está convencido de que o equipo reaccionou nestas últimas xornadas: "A xente que mira os partidos do Deportivo sabe que mereciamos moitos máis puntos dos que conseguimos. Ao final isto é fútbol. Independentemente de facer ben o traballo, o que importa é o resultado. E nós non o estamos conseguindo".

Pon como exemplo partidos como o Levante ou o Eibar, que acabaron ambos en empate no Estadio ABANCA-RIAZOR, e co Dépor con 10 xogadores boa parte deses dous partidos. No entanto, conclúe Sidnei que "temos que seguir adiante, Non podemos pensar no que xa pasou".