RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Temos que saír ao campo cunha implicación total", advirte Cristóbal

Cristóbal Parralo manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que o seu desexo é "dar confianza aos xogadores do primeiro equipo. E se vexo calquera situación, coñezo o rendemento que poden dar os do Fabril".

Nesta liña, explica a ausencia de Francis, titular no último partido de liga, que regresa ao Fabril: "Cheguei e primeiro quero ver como funcionan os porteiros que hai no primeiro equipo e a partir de aí xa tomaremos as decisións pertinentes. Primeiro hai que confiar na xente que hai no primeiro equipo, ver se son capaces de dar o que eu busco, e a partir de aí, segundo vaiamos avanzando, tomaremos decisións".

Após a derrota copeira do pasado xoves, precisamente ante a UD Las Palmas, o técnico deportivista ve aos seus xogadores "moi metidos nos traballos que realizamos. Contento coa actitude que están a ter".

Dese choque, destaca que "os xogadores tiraron de coraxe, e iso ten que ser sacro. Temos que saír ao campo cunha implicación total, temos que facer que a xente estea co equipo. E que todos xuntos podamos saír adiante".

Por contra, "o que máis me preocupou foi a falta de contundencia no último terzo. Non estivemos ben organizados tampouco. No último terzo fomos moi brandos, non fomos intensos, non fomos agresivos".

De cara ao choque ligueiro de mañá luns 30 de outubro no Estadio Gran Canaria (20:00 hora local, 21:00 na península, Bein LaLiga), Cristóbal sostén que "o que máis me preocupa é o meu equipo. Que sexamos capaces de corrixir erros que cometemos o outro día, de ter esa intensidade, esa actitude que buscamos, e que saibamos impor o noso xogo".

Asegura o adestrador branquiazul, que debutará mañá luns como técnico en Primeira División, que "temos unha idea de xogo. Creo nela, na miña maneira de ver o fútbol. Hai cadro e xogadores para desenvolvela. Sabemos que non temos tempo para esperar a que isto poida fluír moito mellor, senón que temos que ir adaptándonos ás situacións que temos, con dous partidos en poucos días".

Insiste en que "temos as ideas moi claras, sabemos que podemos desenvolvelas cos xogadores. Buscamos a implicación de todos, que todos estean dispoñibles, atentos, concentrados. Que traballemos duro e desta maneira seguro que chegarán os resultados. Imos tentar que cheguen canto antes".

Nestes apenas tres días de adestramentos, explica Cristóbal que "traballamos a organización, os erros que cometemos no último partido, e a partir de aí ir crecendo. Tivemos o tempo que tivemos e afrontámolo como tal. Tentamos aproveitar ao máximo o tempo, tendo en conta as cargas, porque tivemos que facer un esforzo grandioso o xoves".