RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Ter mañá o Estadio cheo é un punto a favor para nós", opina Lucas

Clarence Seedorf e Lucas Pérez atenderon aos medios de comunicación na sala de prensa de Abegondo.

O dianteiro coruñés asegurou que non lle sorprenden as colas na Oficina de Atención ao Deportivista para conseguir unha entrada para mañá martes 17 de abril ante o Sevilla no Estadio ABANCA-RIAZOR (19:30 horas, Bein LaLiga): "Desde pequeno sei que a afección do Deportivo está aí, sempre vai estar aí, e estará aí na situación na que estea o equipo. Vivimos os mellores momentos do Club, agora estamos a vivir os momentos que nos toca vivir e a afección sempre estivo aí, todos os anos".

Reitera que lle gusta que "a afección volva ter esa ilusión, que nós lla quitamos coa temporada que estamos a facer. Dámoslle as grazas polo apoio que están a mostrar todas estas xornadas que son difíciles. Eles ven un pouco de luz ao final do túnel coas dúas vitorias. Merécense poder confiar, crer. A nós tamén nos axuda. Ter mañá o estadio cheo é un punto a favor para nós".

Cre que o partido é "moi importante despois de dúas vitorias, para achegarnos ao obxectivo que é a permanencia. O público está a responder. Van esgotar as entradas nun horario moi difícil para eles. O esforzo que están a facer é moi grande. O que esperamos é devolverllo cunha vitoria e achegarnos ao Levante un pouco máis".

Pola súa banda, Seedorf fala de "boas sensacións" de cara ao partido. "Nestes momentos a preocupación maior é recuperar a todos os xogadores dun partido que foi moi intenso, con poucas horas para preparar e recuperar. Hoxe adestraron ben, mostraron unha boa recuperación. Pero mañá seguro que van estar mellor", engade.

Espera un Sevilla "a tope. Para afrontar unha final (en alusión á de Copa do Rei do vindeiro sábado ante o Barcelona) é mellor gañar o último partido antes. Iso pensaba cando xogaba. Gañar axuda a gañar. Vale para eles e para nós. Espero que veñan para gañar".