RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Teresa Abelleira ofrécese a "xogar entre semana" para poder acabar a Primera Iberdrola

Teresa Abelleira foi a protagonista na sala de prensa virtual do RC Deportivo.

A centrocampista galega asegura en primeiro lugar que non pensa agora na súa renovación: "O importante é que todos esteamos sans e vólvase canto antes á competición para seguir gozando deste ano. Logo xa se verá como queda todo".

De feito, preguntada por posibles ofertas, insiste en que "ese tema o levan outras persoas. O que máis me importa é o meu equipo agora mesmo".

Conta que "se empeza a facer un pouco pesado e atafegante" o confinamento a partir de agora e admite que "visto o visto, a continuación da liga non vai ser axiña. Oxalá se volva a xogar canto antes".

Ademais, as compoñentes do cadro deportivista "ao estar tan unidas botámonos de menos. Tentamos falar o máximo posible polo grupo que temos do equipo, facer algunha tarefa que xa dixo Manu, e seguir en contacto".

O seu día a día é así: "Levántome, almorzo e fago a rutina que nos manda Lucía (Piñeiro, preparadora física), para non perder a forma e seguir traballando nos aspectos que a ela lle corresponden, o tema físico. Logo estou a preparar a proba de acceso ao ciclo superior, estou a facer os exames. En canto a series, estou a ver Toy Boy. Non sei cal será a seguinte".

De feito, resalta o traballo "incrible de Lucía para que esteamos nas mellores condicións. Non creo que teñamos problemas ao volver. Xa se verá como se retoma a competición pero penso que estaremos ben".

De todos os xeitos, estraña á súa familia, que está en Pontevedra, e "a min pilloume na Coruña. E á miña afillada Daniela, que me gustaría pasar estes días con ela. Habitualmente non a vexo moito e sería un bo momento para estar con ela".

Tamén bota en falta "coller un balón e un campo de fútbol. Teño mono de fútbol, de darlle patadas ao balón e gozar dos adestramentos coas miñas compañeiras e adestradores".

En definitiva, Teresa sofre estes días "por non ter a liberdade para facer o que un queira, para poder saír de casa. Iso angústiame un pouco".

Ofrécese "aínda que sexa a xogar entre semana" para acabar a liga, un desexo que expresa unha e outra vez.

Teresa Abelleira tamén mostra o seu medo a que esta temporada fantástica do Dépor ABANCA quede embazada por esta situación: "Esta temporada non a imos a esquecer nunca. Fixemos algo que ningún equipo fixo recentemente ascendido. É unha temporada moi boa e podería quedar no esquecemento por este tema. Daríame rabia. Espero que non sexa así".

Deste debut do Deportivo ABANCA na Primera Iberdrola, á futbolista branquiazul sorprendeulle "a capacidade que estamos a ter para estar no máis alto do fútbol español, o gran nivel que estamos a mostrar". Entre as xogadoras ás que se enfrontou queda con Alexia Putellas. "No partido contra o FC Barcelona (de Copa da Raíña) mostrou uns valores humanos de admirar. Foinos animando a todas case una a unha despois de gañar. O seu fútbol tamén me gusta moito", afirmou.

O seu momento máis feliz no Deportivo ABANCA foi o partido en Arguineguín que a temporada pasada supuxo o ascenso á máxima categoría do fútbol feminino español: "Quedo con toda a campaña pasada. Persoal e futbolísticamente, e o grupo que houbo no vestiario fixo que fose un ano irrepetible. Foi o ano no que se conseguiu o ascenso deste proxecto".