RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
ACTUALIDADE

Teresa Abelleira repite titularidade na igualada de España sub-19 ante Dinamarca

- Foto: @SEFutbolFem -

Teresa Abelleira, capitá do Deportivo ABANCA, está concentrada con España sub-19 nun torneo internacional en Escocia, no que participan as seleccións clasificadas directamente a Rolda Elite do Campionato de Europa da categoría.

A segunda cita para as xogadoras españolas foi hoxe sábado 6 de outubro ante Dinamarca en East End Park.

A centrocampista branquiazul foi de novo titular. Esta vez, foi relevada no minuto 88 de xogo por Laura Gutiérrez. O choque acabou en táboas (1-1). Adiantáronse as danesas aos 7 minutos grazas a un gol de Dahl Pedersen; e empatou España no minuto 66 grazas a Carla Bautista.

O combinado nacional debutou o pasado mércores 3 de outubro ante as anfitrioas, as escocesas. Con Teresa Abelleira como titular e sobre o céspede todo o partido, gañou España (0-1), con outro tanto de Carla.

A terceira e última cita para as españolas será o martes 9 de outubro ante Francia, ás 13:00 (hora local) en McDiarmid Park (St. Johnstone).

O calendario de partidos, cos resultados dos xa xogados, é seguinte:

Mércores 3 de outubro
ESCOCIA 0 - ESPAÑA 1

Sábado 6 de outubro
ESPAÑA 1 - DINAMARCA 1

Martes 9 de outubro
13:00: ESPAÑA - FRANCIA, no McDiarmid Park (St. Johnstone)

Teresa Abelleira, ademais da tamén deportivista Malena Mieres, acábase de proclamar campioa de Europa sub-19 o pasado mes de xullo.