RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Tino Fernández: "creo que Abanca-Riazor vai estar listo, son optimista pero tamén realista"

Após a presentación do acordo de patrocinio de Luckia, Tino Fernández atendeu outras cuestións da actualidade do Club:

Preguntado pola incorporación de Sidnei ao Betis, recoñeceu que se produce "por cantidades inferiores ás do Krasnodar, pero a máxima cantidade posible nesta operación interesante a tres partes" e que será substituído por outro central "quizais hoxe mesmo ou mañá".

"A Tytoń os axentes búscanlle destino e a Guilherme a nosa intención é traspasalo. Hai equipos interesados. O lóxico é que Guilherme tamén acabe saíndo. Nós imos buscar a opción que maximice o valor económico para o Deportivo porque un reto importante dos clubs que baixan é defender patrimonialmente os seus investimentos anteriores. O mercado está a ir ben, pero a ver onde chegamos porque queda un mes de mercado, porque no final, co inicio das competicións fanse movementos importantes".

Sobre a continuidade de Borges e Cartabia as súas respostas foron claras: "O noso desexo é que Borges quede e estamos a traballar en ampliar a nosa relación con el, aínda que ten unha oferta moi importante do fútbol turco. En xogadores que non queremos que saian co paso do tempo as posibilidades de negociar redúcense e cínguense ás cláusulas. Eu apostaría á continuidade. O meu desexo é que tamén Fede quede, creo que se vai a quedar, pero estamos en mercado. Parécenme futbolistas importante do proxecto".

"Francis é para nós unha persoa e xogador moi importante que creceu moito no Deportivo, que progresou moito, desde cero debutou en Segunda B, Primeira e xogou un mundial. Queremos que siga moitos anos no Deportivo e temos un plan para que siga crecendo. O segundo máis interesado na súa carreira, despois del, é o Deportivo. A día de hoxe é o terceiro porteiro, sen ficha do primeiro equipo, porque é moi importante que xogue. O seu reto esta temporada é xogar cada fin de semana. Recibín ofertas informais de Primeira para que sexa suplente ou terceiro porteiro, pero nós queremos ao rapaz moitísimo e queremos o seu desenvolvemento profesional e persoal. De feito estamos a traballar nunha mellora do seu contrato. Non hai caso Francis máis que para ben. Se se lle cede será só para xogar 90 minutos cada fin de semana. É o que lle toca este ano".

Sobre a expresión de Carmelo del Pozo en rolda de prensa en referencia ao crecemento dos xogadores no Deportivo, Tino Fernández apoiou ao director deportivo do Club: "se a alguén lle ofendeu, molestoulle, as nosas desculpas. Pero Carmelo é unha persoa educada e se estás todo o día falando hai días que tes expresións máis felices que outras. Se alguién quere maximizar o valor dos nosos xogadores é el".

Após catro partidos de pretemporada tamén analizou que "o equipo está en construción, as temporadas de cambio de categoría son de moitos movementos, entradas e saídas, polo que o importante pasa a partir do día 17 en Albacete. Até entón hai que traballar. Queda bastante por facer pero estou ilusionado co proxecto que estamos a arrincar para estar en Primeira División. Apostamos todos pero as casas de apostas viven dos que perden as apostas. Sempre creo que o Deportivo vai gañar. O éxito na vida vén da ilusión máis o traballo", concluíu a súa reflexión.

Sobre a reforma do Estadio ABANCA-RIAZOR tamén foi claro "creo que vai estar listo pero é un motivo de moito traballo neste tempo porque é un proxecto ambicioso en prazos e complexo. E para estar listo, por exemplo, é moi importante, o tema da iluminación para un partidazo como o do Sporting para que o produto televisivo sexa de calidade. Para que o estadio estea listo hai unha chea de cousas que teñen que estar nos días previos do partido e hai que apertar porque teñen que estar, e co máximo aforo posible. A relación e a actitude para facelo posible, con Concello e Arias, é moi boa pero algún inconveniente vai haber seguro. É unha das operacións das que se fala pouco este verán pero ten máis química da que pode parecer. É moi importante non perder nin un só día. Hai prazos que se meten en setembro. A ver como está entón. Hai moito traballo para poder debutar cun partido deste nivel. Son optimista pero tamén realista".

Por último valorou a campaña de abonos, con cifras case idénticas (210 socios de diferenza, de case 17.000, na mesma data do ano pasado): "a nosa afección é o noso principal activo e está a responder como sempre. Levamos dous meses de campaña pero todos deixamos todo para o final. Nós fixemos un orzamento conservador de 21.000 que foi os que tivemos a última vez en Segunda, que seguramente acabemos mellorando porque queda agosto, o arranque de temporada, a campaña de Nadal, ... ímolo a superar", finalizou.