RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Tino Fernández: o de Osasuna "é un partido coma se fose a final do Mundial"

O presidente do Real Club Deportivo, Tino Fernández, atendeu aos medios de comunicación nos prolegómenos do acto de presentación do calendario histórico do Deportivo 2017.

Cuestionado sobre o partido de mañá ás 18.30 en Riazor fronte a Osasuna aseverou que "É un partido coma se fose a final do mundial, témolo que tomar moi en serio e gañar, que son tres puntos moi importante. As sensacións son importantes, pero hai que gañar ou empatar, como digo ás veces 'na meta apuntan e non preguntan', o que conta é gañar ou empatar e sumar puntos".

Sobre as propostas de sanción pola presenza da pancarta de Riazor Blues no estadio "penso o que pensaba e expresamos de palabra e por escrito. Como dixo o presidente da Xunta en relación ao AVE: somos bos pero non somos 'parvos', non sei que máis dicir. Son temas que xuridicamente non teñen base e ímolos gañar, pero desde o punto de vista do diálogo, que é como se resolven os problemas, non hai avances. É certo que tiña unha reunión concertada co presidente da Comisión contra a violencia, pero cesou no seu cargo a véspera e por tanto esa reunión quedou posposta. Faleino co presidente do CSD, José Ramón Lete, e vou pedir unha reunión con el e co delegado do goberno en Galicia para poñer sentido a todo isto. É difícil de explicar que nun ano no que non está a pasar absolutamente nada e no que si está a suceder en partidos de Liga e de Champions, que aquí esteamos a 30.000 € por sesión", concluíu.

Tamén se referiu ás propostas de sanción a Garitano, Joselu e Babel tras o partido do Bernabéu: "das arbitraxes non digo nada, que non estamos aquí para pagar multas. Imos ter que pedir un saco de diñeiro aos Reis Meigos e a Papá Noel para pagalas. Estas propostas destas semana son un chisco excesivas, non vivimos en Corea do Norte, a xente pódese expresar e ademais hai casos similares de adestradores, presidentes e directores deportivos. Creo que, sen dicir ningunha palabra malsonante, algo se poderá dicir. O Deportivo respecta aos árbitros ao máximo e cíngome ao discurso destes tres anos no Club: son deportistas e pódense equivocar como nós".

En canto a posibles movementos de mercado, Tino Fernández dixo que "temos dispoñibilidade económica para facer fichaxes, pero temos que ter claro que queremos facer coa dirección deportiva e o corpo técnico. Hai que ver como terminan estes partidos e que ofrece o mercado. Creo que algo se vai a facer pero non hai nada quente, próximo a se pechar".

En canto a nomes concretos falou de Babel: "temos previstas as reunións porque a nosa intención é que quede. No caso de Sidnei está feito e pechado, o risco é 0,0", de Álex Bergantiños: "a intención, o que todos queremosm, é que Álex quede. Pero el é unha persoa moi especial no Deportivo e para nós. Por iso, se nalgún momento hai outra proposta que sexa a que el quere facer, valorarémola. Vai ter todas as facilidades do mundo no Dépor".

Por último falou de Fede Cartabia: "agora mesmo non pode negociar, cando acabe este mes empezaremos a falar e é unha posibilidade que se valorou no seu momento para que saíse amistosamente do Valencia porque é un xogador que estivo contento aquí e é un xogador novo que pode ter unha carreira importante".