RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Tino Fernández: "O descenso non supón ningún risco económico para o futuro"

Como comprometera á conclusión do partido fronte ao FC Barcelona, Tino Fernández compareceu antes os medios de comunicación para facer balance da actualidade do Club. Reiterou, como hai dez días, que "os que baixan é porque o fixeron peor. Non podemos falar de accidente nin de mala sorte".

Segundo o Presidente do Dépor, "á hora de falar das causas, temos que pensar na configuración da nosa proposta de xogo e de equipo, e logo temas de rendemento que afectan aos propios actores do xogo e os que afectan as condicións que lles xeramos os que estamos ao redor. Cando falamos dun proceso complexo como este é imposible atopar unha única causa. Son multiples razóns as que nos trouxeron até aquí".

Cre que, como destacou Carmelo del Pozo, "o traballo en equipo, a comunicación é un punto de mellora que temos que ter presente para o futuro. Quizais esas relacións pouco fluídas entre dirección deportiva, corpo técnico... foi algo que non sumou nin foi bo".

A incorporación de Carmelo fai que o Club, segundo apunta Tino Fernández, vaia a un modelo de "comisión deportiva, que veremos quen a compón finalmente. Aínda temos que acabar de matizar. Nós vimos dun modelo onde o Consello foi avalista das decisións. Esa é a realidade. A única decisión tomada sen o visto e prace da dirección deportiva foi no seu momento a contratación de Víctor Sánchez del Amo. O resto, tanto para incorporar como rexeitar xogadores e técnicos tomouse a proposta que tiña o visto e prace da dirección deportiva".

Desde o punto de vista económico, o descenso do Deportivo "non supón risco para o futuro aínda que estamos tristes pola marcha deportiva desta última temporada, creo que hai áreas onde o traballo que se fixo paréceme moi bo. Estruturamos unha situación complexa. Seguimos tendo unha débeda moi alta que non desapareceu. Reduciuse moito. Viñemos de anos onde amortizamos moitísima débeda. Veremos as contas deste ano. A temporada anterior soamente de débeda foron 19.200.000 euros. Estamos a falar de cantidades realmente moi altas. Cunha estrutura que permite afrontar o futuro, non soamente o inmediato senón o futuro máis afastado desde a tranquilidade".

Lembra que cando se pechaba o convenio de acredores e plans de viabilidade, "contemplábanse algunhas temporadas en Segunda. Ninguén as desexaba. Todos desexamos volver a Primeira canto antes e quedarnos en Primeira para sempre, pero non hai ningún risco no económico para o futuro do Deportivo".

Admite que o Club "ten que perfilar o orzamento" para a próxima temporada. "Vai ser un dos altos da categoría. Seguramente é algo normal, como calquera dos 3 descendidos. Temos algún pago de débeda que tamén é importante para esa categoría. Temos máis ingresos que moitos clubs da categoría en canto a abonados, patrocinadores, palcos... Temos unha situación boa". Toma como referencia sobre o orzamento "os topes salariais dos equipos que baixaron o ano pasado. O Granada débese de mover na contorna de 18 millóns, 17 e pico. O Sporting é o que o ten máis baixo, sobre 11 e pico".

Recoñece que, con 7 adestradores nas últimas 4 temporadas, "non estamos satisfeitos co que pasou até a data. Tamén é certo que o número grande de cambio de adestradores acumúlase en equipos que están na zona baixa da clasificación. Nós estivemos sempre na parte de abaixo e é un tema estatístico. Os clubs do 10 para abaixo concéntranse o maior número de cambio de adestrador".

Vaticina un verán "intenso por número de operacións. É normal. Hai que pensar en moitísimo traballo porque previsiblemente pode haber un número significativo de saídas, un número importante de entradas. Quédanos a decisión do corpo técnico". "Nun cambio de categoría, mesmo nun ascenso, son anos de máximo número de operacións. Non é o mesmo que se estás consolidado en Primeira División, en metade da táboa, fagas 3 ou 4 axustes", engade.

Afirma que "é certo que en moitos casos, non en todos, hai clausulas diferentes en Primeira ou en Segunda que se pactan no momento que se asinan os contratos. A outra parte tamén ten a súa idea". Iso si, recalca que "hai un elemento importante que é o querer estar, o estar ilusionados co proxecto. Non esa idea de quedar forzado polo contrato. A clave é estar moi convencido. Desde o punto de vista económico non temos obrigación de desfacernos de ninguén en concreto. Si é certo que este cadro enteiro non cabe en Segunda. Tampouco hai ningunha obrigación que teña que saír ninguén en concreto. Poremos en valor os nosos activos e trataremos de mesturar esa parte económica con esa parte de motivación e do interese deportivo".

Confirmou que tivo unha conversación con Miguel Otero, quen á súa vez lle confirmou que "ía presentar as accións o xoves" para solicitar unha Xunta Extraordinaria. A este respecto, explicou que "o Club ten unhas normas que rexen o funcionamento da mesma. E se está todo ben, atenderase ás peticións dos accionistas, como non pode ser doutra maneira".

Ademais, asegurou que "nos imos a presentar e aproveitaremos para, algúns cambios que temos pensado para o futuro, introducilos e incorporalos cando toque".

Finalmente, Tino Fernández indicou que os abonos de temporada sufrirán unha rebaixa nos prezos e que, polas obras das cubertas de Estadio ABANCA-RIAZOR, a Oficina de Atención ao Deportivista trasladarase ao edificio de Correos no centro da Coruña.