RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Tino Fernández: "O obxectivo é que os xogadores que veñan sexan transcendentes, relevantes"

O presidente do Real Club Deportivo, Tino Fernández, compareceu este mediodía ante os medios de comunicación ao peche da xanela de inverno da temporada 2017-2018.

A súa valoración global da mesma é "positiva. Seguro que podiamos facer máis cousas pero hai que ver que se producen 6 operacións após un traballo moi intenso, 3 saídas e 3 altas que creo que melloraron o nivel do cadro e do equipo que temos. Nese sentido estamos satisfeitos. Buscamos a incorporación dalgún outro futbolista pero non atopamos o que encaixaba coa dispoñibilidade económica, a vontade de vir tanto do xogador como do equipo no que está e o informe técnico favorable por parte da dirección deportiva e o corpo técnico. Como non se deu, non houbo outra incorporación”.

“Seguimos pensando que temos un bo cadro e fixemos pequenos axustes dentro das posibilidades que ofrece este mercado dentro do tres parámetros antes comentados. O obxectivo non é encher páxinas de xornais nin que o presidente quede ben porque dixo que se vai a fichar a alguén. O obxectivo é o rendemento e a transcendencia. Que os xogadores que veñan sexan transcendentes, relevantes, nos meses que xogan e no devir inmediato do equipo. Das tres incorporacións, démoslles moitas voltas, dúas veñen de LaLiga, equipos que compiten en Europa, cunha capacidade deportiva coñecida por todos pero que ademais no plano persoal, de madurez, achegan moito, cunhas referencias moi importantes. E nun momento como no que estamos a vivir tamén é importante. No caso de Koval, de todas as propostas que tivemos de porteiros internacionais, os nosos técnicos puxéronnos como mellor aposta de todas as opcións que tiñamos esta”, concluíu.

En referencia á organización do mercado, subliñou que “as fichaxes as facemos todos, en equipo, como antes. O obxectivo é gañar partidos e saír de onde estamos con xente que veña a sumar. Dos que fixemos pensámolo. Logo veremos cal é a realidade”.

Sobre a situación xeral do equipo recoñeceu que “está claro que algo non fixemos ben, hai que recoñecer que non é unha situación boa na que estamos porque non era esta nosa aspiración e recoñecémolo abertamente. A nosa obrigación é facernos preguntas de por que isto sucede e niso estamos. Os axustes deste mercado considéroos positivos. Non tivemos ningunha saída non desexada e complementámolo con incorporacións interesantes. Cremos que avanzamos. A ver se os resultados reafirman este traballo, este desexo e esta ilusión”.

“Estou centrado en que o rendemento deportivo do primeiro equipo mellore porque excepto aí, que é un excepto moi importante porque afecta ao corazón de moita xente, o Club está a funcionar moi ben, incluídas outras facetas deportivas: filial, canteira, feminino. Creo que estamos a facer un bo traballo. A miña obsesión, todas as horas de traballo, están dedicadas a facerme a pregunta de que podo achegar para que o que ten que suceder suceda: que melloremos e que salgamos desta situación”, convencido de que “isto o imos a sacar o bloque, os que levamos desde xullo traballando, un gran cadro na que temos que facer que moitos dos que a forman dean versións mellores. Témolos que animar e traballar con eles para conseguilo. Esa é a clave do rexurdir. A forza está no grupo e en toda a nosa xente, á que xa non lle podemos pedir máis”.

Profundando na súa mensaxe ao deportivismo, afirmou que “entendo a desilusión da afección. Só lles podo pedir continuar con ilusión e unidos. Isto todo é subsanable, queda tempo aínda”.

Sobre o último movemento do mercado, a saída de Bruno Gama, recoñeceu que “é unha maneira de peche de Bruno que como deportivista non me gusta pero é a única que permitía que queda ficha e tope salarial por se aparece algo que nos poida interesar en posicións defensivas”.

En referencia á única oferta do mercado, a recibida polo dianteiro internacional romanés Florin Andone, desvelou que “con el, o que queriamos desde o minuto un, e dixémosllo a el, ao seu axente e a todo o que nos quixo escoitar era que quedase no Deportivo e fixemos todo o posible, como así sucedeu. O que queremos é ampliar o seu contrato e mellorarllo para o futuro”.

Falando de futuro, sobre a reestruturación da dirección deportiva do Club, Tino Fernández anunciou que “o proceso que iniciamos desde xa mesmo é a definición da nova dirección deportiva. Imos analizar propostas, modelos de dirección deportiva, non é un tema de persoas senón procesos, tecnoloxía, obxectivos, equipo de traballo, metodoloxía, informes de xestión e seguimento, ... Iso será o que valoraremos e sobre o que tomaremos a decisión”.