RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Tino Fernández: "O que reflicten as votacións é o apoio real do deportivismo"

Á conclusión da Xunta Xeral Ordinaria e Extraordinaria do RC Deportivo, o presidente do consello de administración, Tino Fernández, atendeu aos medios de comunicación. Antes de coñecer o resultado final das votacións e tras responder aos accionistas na correspondente quenda da Orde do Día afirmou que "é normal sempre hai xente que pensa outra cousa e nada máis, o importante é o que reflictan as votacións que iso é o apoio real que che dan os accionistas do Deportivo. Na medida de que isto é unha aprobación de contas, creo que estamos a falar do mellor resultado da historia do Deportivo, un resultado necesario porque necesitamos pagar a débeda do Deportivo, non repartir dividendos aos accionistas. O beneficio dos accionistas ten que ser os resultados deportivos, pero mentres non salgamos da situación económica na que estamos necesitamos repetir isto moitas temporadas".

"Desde ese punto de vista da participación eu diría que, das tres Xuntas que estiven eu como presidente, é tamén a mellor: achegas moi positivas por parte dalgúns accionistas que tomaron a palabra, accionistas que tamén presentaron noutras ocasións iniciativas importantes que tivemos en conta".

Co apoio case unánime á xestión social e as contas, a preocupación dos accionistas e os medios centrouse fundamentalmente no aspecto deportivo: "realmente o importante hoxe é unha xunta de accionistas na que se adoita falar máis de cousas de contas e de cuestións societarias, pero a preocupación entre comiñas ou a ocupación ou a ilusión é precisamente gañar o luns. Nervioso eu non adoito estar, pero si que quero que dunha vez gañemos e lle deamos unha alegría á nosa xente. En casa, con bos partidos como foi co Valencia ou o Sevilla poñémonos diante de equipos moi importantes e non soubemos aguantar ese resultado e amplialo. A ver se é o luns contra un equipo excelente como o é a Real Sociedade, que esta en un momento estupendo. Eu creo que imos gañar e esa é a ilusión".

Cuestionado pola confianza en Gaizka Garitano, o presidente só quixo mandar unha mensaxe de optimismo: "nós o que estamos a pensar é en gañar e logo imos analizando as cousas a medida que van sucedendo. A verdade é que non pensamos noutra cousa que non sexa gañar e a verdade é que estou satisfeito co traballo que está a facer pero o fútbol tamén é certo que vive de resultados. Podemos falar de moitas cousas, de sorte, de arbitraxes, etc.. Insisto, eu creo que o Deportivo competiu moi ben nos partidos que estamos a falar. A ver se agora coa volta de Joselu, que estamos a falar de que afrontamos esta etapa sen un xogador claramente franquía, unha aposta importantísima e que practicamente non xogou nada, e Babel, que tamén se recuperou da lesión, imos ver se somos capaces de rematar. Cremos que teriamos que estar tranquilamente, non con tres ou catro puntos máis, senón con oito, pero a verdade é que non estamos".

Sobre as convocatorias ou aliñacións que xeraron controversia no vestiario ou entre os afeccionados quixo aclarar que "nunca interveño nin pregunto nin nada, atópome a convocatoria e a aliñación da mesma maneira que todos, a min ninguén me escalou ningún problema con Arribas nin a dirección deportiva nin o corpo técnico e nada máis, eu creo que son cousas que suceden nas convocatorias, nas aliñacións. É o adestrador quen ten que poñer os que pense que estean mellor para conseguir o obxectivo".

Tamén se referiu a un tema recorrente nas intervencións dos accionistas, a decisión de apartar a Óscar García "Pinchi" temporalmente dos adestramentos co primeiro equipo: "foi unha decisión da dirección deportiva, aquí hai diferentes profesionais que traballan co equipo. Eu fixen unha reflexión, máis como presidente, mesmo como afeccionado: ves as declaracións e tampouco vin que tivese tal gravidade, pero en calquera caso se as persoas que traballan directamente na área deportiva considérano, seguro que é para sumar, para corrixir pero sumando. Pinchi é un activo importantísimo, un rapaz boísimo e seguramente pecou tamén por xuventud e nada máis, eu creo que non hai que dar máis percorrido no tema Pinchi".