RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
RCDEPORTIVO

Tino Fernández pon en valor ante os accionistas todos os progresos e melloras do Club no último exercicio

O Presidente do RC Deportivo, Tino Fernández, desatou o aplauso unánime ao finalizar a súa intervención na Xunta Xeral de Accionistas, na que puxo en valor todos os progresos e melloras realizados en todos os niveis da estrutura branquiazul, facendo especial fincapé nos asuntos económicos.

Para empezar, Tino Fernández agradeceu a súa presenza a todos os accionistas acreditados e tivo palabras de recordo para o ex conselleiro Fernando Vidal e de eloxio aos seus compañeiros. “Entre todos conseguimos que este Club non parase de crecer a todos os niveis desde a nosa chegada”, afirmou.

O presidente deportivista lembrou que “o corazón e a alma do noso negocio pasa polo resultado do primeiro equipo”, polo que “a base desa supervivencia está, sen dúbida, na permanencia en LaLiga Santander ao final de cada temporada, un obxectivo logrado a pasada campaña de novo con tensión até o final”.

O máximo mandatario fixo fincapé en que “a clasificación final da competición, salvo contadas excepcións, volveu ser o reflexo da capacidade económica que ten cada club para competir en LaLiga”. Por iso, afirmou que “seguimos centrando os nosos esforzos en poder ter máis a nivel económico para converternos nunha institución máis valiosa, máis grande no tanxible porque no intanxible é difícil”.

Insistiu Tino Fernández en que o “obxectivo é dar un paso adiante definitivo que nos sitúe no que me gusta denominar ‘LaLiga pechada', ese grupo de equipos que arrancan a temporada coa seguridade de que, salvo hecatombe, estarán ao final da campaña en LaLiga Santander. Os que miran sempre cara á zona media e alta da clasificación”.

O dirixente branquiazul falou dun incremento “nun 144% con respecto ao exercicio anterior” en canto a comercialización de dereitos audiovisuais e dunha "subida dun 11%” na parte correspondente a ingresos “por competicións”, e iso a pesar de manter “o nivel de prezos da temporada 2015-2016”. Esta situación púidose dar debido ao “incremento dos socios que nos sitúa no posto oitavo de abonados de LaLiga”. Igualmente, afirmou que “os ingresos comerciais, que elevan a súa cifra con respecto á temporada anterior nun 26%”, o que reverte nun “incremento da cifra de negocios da sociedade que, practicamente, vese duplicada crecendo nun 85%”.

Tino Fernández destacou o “cómodo beneficio” no que se instalou o club ao arroxar unhas “Contas Anuais Consolidadas auditadas do Club da pasada temporada, cun resultado neto de 5,85 millóns de euros”. “O obxectivo do Deportivo é obter os beneficios que permitan xerar a tesouraría suficiente para atender as obrigacións de amortización de débeda”, subliñou.

O presidente puxo en valor o feito de alcanzar os 26.510 abonados e de manter “o 100% de ocupación en zonas VIP”, co que se superaron os 600.000 euros de ingresos ‘matchday” (día de partido).

“Poderiamos pensar que con isto é suficiente, pero con todo consideramos que o Real Club Deportivo ten que buscar crecer nas tres áreas de ingreso dunha empresa dedicada ao deporte profesional. É por iso, que se busca pechar acordos que melloren a nosa cifra de ingresos comerciais con novos patrocinios como o de Luckia ou a mellora dos actuais, por poñer un exemplo, o que se alcanzou co patrocinador técnico, Macron, na temporada en curso”, analizou.

“Nesta tendencia tremendamente positiva que estamos a analizar, non todo foron boas noticias”, puntualizou o máximo mandatario branquiazul ao falar sobre a sentencia número 180 da Sala do Civil do Tribunal Supremo, que obrigou ao Club “a reclasificar a débeda coa Axencia Tributaria, que fora considerada subordinada e unha parte ordinaria, a privilexiada, tendo que incrementar as cotas do acordo singular asinado en marzo de 2014 coa AEAT”. “Esta nova situación puxo ao Deportivo nunha situación de limitada competitividade. E aí, como en cada decisión que tomamos e en cada reto que asumimos á fronte do Club, é onde entra en xogo a capacidade de afrontar os desafíos que mostrou sempre este consello de administración”, argumentou.

Tino Fernández falou do acordo con Abanca, co que “de maneira conxunta coa caixa xerada polo Real Club Deportivo desde xaneiro de 2014, púidose liquidar o 91% da débeda privilexiada que se mantiña coa Axencia Tributaria e cancelouse a parte do préstamo sindicado que correspondía ao Banco Sabadell”.

A ampliación de capital tamén foi tema de análise. “Ao peche da mesma, o Deportivo conta con 25.333 accionistas (2.479 deles novos), que incrementaron nun 31,40% o capital social da entidade”, o que supuxo “unha inxección total de capital de 2.461.035 euros”, aseverou.

O dirixente coruñés, en canto ao rendemento deportivo, destacou o regreso do Fabril a Segunda B, ademais de recuperar “o seu histórico nome”, así como a presenza “en 97 torneos, 10 deles internacionais en países da UE” dos equipos de #ANOSACANTEIRA. Así mesmo, valorou que “8 xogadores dos nosos equipos de formación foron convocados polas súas diferentes seleccións nacionais” e que no Torneo Real Club Deportivo de alevíns e benxamíns participaron “máis de 3.000 nenos e 10.000 espectadores”, así como os “1.620 participantes en 11 sedes dos DéporCampus”.

Os dous equipos do Deportivo ABANCA recibiron os eloxios do líder do Consello de Administración. “Son un exemplo a seguir en canto a aposta polo fútbol feminino refírese”, matizou, antes de rememorar a “incorporación a LaLiga Genuine, o proxecto que comezou esta temporada e que afrontamos cun equipo formado por xogadores con Discapacidade Intelectual”.

Ademais do apoio e a proximidade aos afeccionados, mediante a OAD, o servizo DestinoDépor ou o financiamento de desprazamentos a diversos partidos, Tino Fernández subliñou como un feito moi importante no ámbito social “a I Memoria de Sustentabilidade do Club, un traballo que nos situou na vangarda do Fútbol Español en canto a xestión corporativa”. “Somos un Dépor socialmente responsable, un Dépor do que sentimos orgullosos máis aló de 90 minutos á semana”, apostilou.

O presidente valorou o crecemento dixital. Primeiro, coa apertura da nova web, “en galego, castelán e inglés”, que en pouco máis de seis meses “recibiu máis de 2,5 millóns de visitas a páxinas, 1,1 millóns de sesións e máis de 0,5 millóns de usuarios únicos”. E despois, coa cifra de seguidores nas redes sociais. “O Club superou por primeira vez o medio millón de seguidores no total, cuadriplicando as cifras nas que se situaba hai 3 anos”, concluiu.

Ao remate das votacións, Tino Fernández atendeu aos medios de comunicación. “Foi unha xunta de accionistas conforme ao esperado. Bo ton, boas intervencións e boas ideas por parte da xente”, apuntou.

Preguntado pola duración da mesma, o presidente recoñeceu que foi a súa xunta “máis tranquila e polo menos a máis rápida. Iso é síntoma de que as cousas van ben. Os accionistas están tranquilos, esperando a que os resultados deportivos melloren. Pero nesta parte hai tranquilidade”.