RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Toda Europa, pendente do Portugal-Suíza de mañá martes, no que estará Fabian Schär

Foto: - www.football.ch -

Mañá martes 10 de outubro, Celso Borges con Costa Rica, Fede Valverde con Uruguai e Fabian Schär con Suíza teñen compromiso internacional.

Dos tres partidos sobresae o Portugal-Suíza de Lisboa, con Fabian Schär con moitas opcións de entrar no once inicial suízo. Os portugueses, vixentes campións de Europa, necesitan vencer para obter unha praza directa para o Mundial de Rusia 2018. A Suíza válelle un empate para lograr esa primeira praza.

Tres xogadores do Deportivo (Florin Andone, Costel Pantilimon e Przemysław Tytoń) tiveron compromiso internacional onte domingo 8 de outubro con Romanía e Polonia. Deles, só o dianteiro tivo minutos de xogo. Todos teñen previsto chegar esta noite á Coruña e mañá xa adestrarse co equipo.

Fabian Schär xógase en Lisboa o seu pasaporte a Rusia

A Selección Suíza, na que está citado o deportivista Fabian Schär, xógase mañá martes a súa clasificación para o Mundial de Rusia 2018.

Suíza é o actual líder do grupo 2 de clasificación europea con 27 puntos de 27 posibles. Séguelle Portugal, a 3 puntos de distancia. Ambos os equipos ven as caras mañá martes 10, ás 19:45 (hora local), no Estadio da Luz, en Lisboa. Aos suízos válelles un empate para lograr o billete directo. Portugal necesita unha vitoria.

O pasado sábado 7 de outubro, os suízos, con Schär no once inicial, recibiron a Hungría no Estadio St. Jacob-Park de Basilea. Venceron con claridade (5-2) e o central branquiazul xogou os noventa minutos.

Celso Borges e Costa Rica celebran en Panamá a súa clasificación

Celso Borges, un dos capitáns do Deportivo e un dos fixos na selección de Costa Rica, logrou a clasificación para o Mundial de Rusia 2018.

O pasado sábado 7 de outubro, a selección costarriqueña, con Celso Borges no once inicial, logrou o punto que necesitaba (1-1) ante Honduras no Estadio Nacional de San José. O mediocentro deportivista xogou completo o partido.

Mañá martes 10 de outubro, Costa Rica visita a Panamá, ás 19:00 horas (hora local, madrugada en España) no Estadio Rommel Fernández de Cidade de Panamá.

Costa Rica é segunda na clasificación do hexagonal final de clasificación da CONCACAF con 16 puntos, por detrás do líder, México, que alcanza os 21 puntos. Terceiro é Estados Unidos, con 12 puntos. Os tres primeiros clasificados van directamente á fase final, feito que lograron México e Costa Rica de maneira matemática. Non así o equipo estadounidense, que deberá certificalo en Trinidad e Tobago na próxima xornada.

Uruguai, con Fede Valverde, precisa polo menos un empate ante Bolivia

O deportivista Fede Valverde foi novamente citado por Uruguai para dous partidos oficiais, clasificatorios para o vindeiro Campionato do Mundo.

Mañá martes 10 de outubro, Uruguai recibe a Bolivia (20:30 hora local, 1:30 do mércores 11 en España) no Estadio Centenario de Montevideo. Precisa polo menos dun empate para lograr a clasificación directa para Rusia. Uruguai marcha segunda no grupo suramericano con 28 puntos, a 10 de distancia do líder, Brasil, que suma 38.

O pasado xoves 5 de outubro, a selección uruguaia empatou en Venezuela (0-0), no Estadio Polideportivo Pueblo Nuevo de San Cristóbal.

O mediocentro deportivista foi titular e xogou 79 minutos, sendo substituído por Giorgian De Arrascaeta.

Tytoń volveuse a quedar fóra da convocatoria ante Montenegro

Onte domingo 8 de outubro, no último partido da fase de clasificación para o Mundial de Rusia 2018, Polonia, con Przemysław Tytoń de novo fóra da convocatoria, impúxose (4-2) a Montenegro no Estadio Nacional de Varsovia.

A selección polaca suma 25 puntos e logra desta forma o seu billete para o vindeiro Campionato do Mundo.

O pasado xoves, o porteiro deportivista quedou tamén fóra da lista en Armenia, no primeiro dos seus dous compromisos internacionais deste mes de outubro, que se saldou con triunfo polaco (1-6).

Romanía, con Andone de titular, igualou en Dinamarca

Onte domingo 8 de outubro, Romanía, cos deportivistas Florin Andone e Costel Pantilimon, empatou en Dinamarca (1-1) no Estadio Telia Parken de Copenhague.

Andone foi titular e xogou 70 minutos, sendo substituído por Claudiu Keșerü. Pantilimon seguiu o encontro desde o banco.

Romanía non estará no próximo Mundial ao quedar en cuarta posición do grupo 5º con 13 puntos.

Florin Andone tamén foi titular o pasado xoves no Estadio Ilie Oanâ da cidade de Ploiesti ante Kazajistán (3-1) no primeiro dos dous partidos oficiais clasificatorios para o Mundial. Xogou 66 minutos, sendo substituído por Claudiu Keșerü. O meta Pantilimon estivo no banco.