RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Todos temos moi claro que esta non vai ser a mellor versión do equipo", advirte o técnico branquiazul

Borja Jiménez asegurou este mediodía en rolda de prensa en Abegondo que, a pesar das ausencias do domingo por lesión (confirmadas a día de hoxe as de Isi Gómez e Trilli), "temos un cadro moi amplo. Iremos buscándolle solucións a todo o que nos vaia vindo".

Pasadas unhas horas do último choque en ABANCA-RIAZOR ante o CF Talavera de la Reina, o adestrador branquiazul confirma o dito tralo partido, que as súas sensacións eran boas, "e máis despois de volver velo. Ademais os datos dino. Véndoo ademais cos rapaces eles tamén teñen a mesma sensación. Está claro que somos moi esixentes connosco, que queremos facer as cousas cada día moito mellor, pero a nivel ofensivo foi noso mellor partido con diferenza".

Explica así os últimos minutos ante o conxunto manchego: "Cando o equipo rival está a un gol... Eles sacaron dous dianteiros. Houbo fases que tiñan a 6 xogadores na última liña, empézana a xogar máis directo e obrígache un pouco. Ou es capaz de controlar eses desprazamentos para que sexan malos ou para que non se fagan ou o normal é que, como o xogo é moito máis directo, cun envío só lévanche á área. Non é algo que o equipo queira facer, senón que o rival, cando tira a pelota, obrígache a iso porque o xogo é directo. O que si que creo é que tiñamos que facer gol antes para non chegar a ese momento cun de diferenza. Daquela os minutos finais pasa en todos os lados cando hai diferenza dun gol: normalmente acábase sufrindo".

Do aspecto defensivo, lembra que "viñamos de facer o día de Vigo noso mellor partido a nivel defensivo, de solidez, de non xerar case nada o equipo rival, e o outro día si que tivemos algún desaxuste máis por dentro, estivemos algo máis incómodos. Poño en valor o que fan os rivais moitas veces. Era (en alusión ao CF Talavera de la Reina) un equipo que atacaba moi rápido, con moitos xogadores en última liña. Na primeira parte hai situacións onde eles teñen 6 xogadores por diante da pelota cada vez que eran capaces de virar. É un equipo que a nivel defensivo esíxeche. Fixeron dous goles ao Linares, gol ao CF Fuenlabrada, gol a nós. Ten potencial. Quitando o día de Pontevedra, que quedaron con 10 nada máis empezar, é un equipo moi alegre e dos que fai goles. En fases do partido púxonolo difícil. Aí somos críticos no aspecto de dicir: poderiamos facer cousas mellor. Vímolas cos xogadores e hai que seguir traballando. Todos temos moi claro que esta non vai ser a mellor versión do equipo, pero si imos facendo cada vez máis cousas de forma positiva".

Está convencido de que "cada vez o equipo irá crecendo, como é normal en todos os equipos. Vai facendo cada vez máis cousas. Sempre somos moi autoesixentes, gústanos gañar todos, xogar moi ben, pero tamén hai que valorar que o equipo non perde, que ten a capacidade de remontar algún partido".

Preguntado por Diego Villares, goleador o pasado mércores por segundo partido consecutivo, apunta que "cada vez vai crecendo máis tamén a nivel futbolístico. É un xogador con moito percorrido, sobre todo no longo, que séntese cómodo con ese tipo de desmarques de ruptura, aparecendo ao espazo, quizais dos que mellor estira a última liña. Pero para que haxa ese tipo de espazos tes que tentar xuntar con dous nun sector, abrir un pouco á liña defensiva para que el poida chegar. Agora el si está a ter máis protagonismo en ataque. Estamos encantados. Ademais está a facer goles, así que fenomenal. Que siga evolucionando e crecendo", conclúe.

Do San Fernando CD Isleño, rival en ABANCA-RIAZOR este domingo 2 de outubro ás 19:00 horas (TVG-2 e InSports.tv), advirte que "ao cambiar de adestrador (Salva Ballesta acaba de coller ao equipo gaditano) temos un pouco máis de dúbidas de se nos imos a atopar un San Fernando moi parecido ao que foi as catro primeiras xornadas un pouco, ao que é a esencia do míster".

Iso si, subliña que "xa o ano pasado fixeron unha moi boa primeira volta. Reforzáronse con xogadores importantes e quererán estar arriba. Bicho, que o coñecedes, que estivo aquí; Biabiany, un xogador con moita experiencia, que fixo o outro día gol; dos centrais tiven a Ayala en Cartaxena, onde conseguimos ascender; Luis, que estivo aquí tamén... É un bo equipo para a categoría. Ceberio, Dani Molina, Caballero, que o tiven en Bouzas, porannos as cousas difíciles. Creo moito na igualdade que hai dentro da categoría. Non vexo moitísima diferenza. Dígoo de corazón. Outra cousa é que logo me poida equivocar ou non, pero ese é o meu pensamento. Hai bastante máis igualdade que había o ano pasado".

Así pois, espera un San Fernando "moi agresivo, moi intenso, que é un dos acenos de identidade do míster, pero estamos desde o xoves moi centrados en tentar ter o maior número de xogadores. Adestramos, onte case nada, hoxe moi pouco e pendentes do adestramento de mañá para axustar o que cremos que pode ser o plan de partido".

Do ambiente de ABANCA-RIAZOR, Borja Jiménez indica que #ANOSAFORZA "é moi soberana de expresar o que sente en cada momento e aí non me vou a meter nin moitísimo menos. Cada un ten a súa opinión do equipo. O que si que entendo é que eles o que queren é que gañe o equipo e que a súa intención será animar, que para iso pagan o abono, para iso van ao campo. Estou convencido de que eles están máis contentos se o equipo gaña, entón farán todo o posible, como o fan sempre e se están descontentos pois o mostrarán. Véxoo algo moi normal".

Ten claro que "#ANOSAFORZA para nós é moi importante e sentir o agarimo da afección. Pero como lle pasaría a todo o mundo. Cando ao teu fillo non lle saen as cousas ben, o importante é darlle agarimo, non dicirlle o mal que o fai, desde o meu punto de vista. Entendemos todas as críticas ou toda a xente que pense diferente a nós. Respectámolos e traballamos para que iso sexa da menor maneira ou o menor número de persoas, pero respectando sempre ao máximo o que o que pense a nosa xente de nós".