RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Traballada vitoria copeira do Deportivo ABANCA dedicada a Kika

O Dépor ABANCA atopouse hoxe en Abegondo ante o Atlántida de Matamá (1-0), na 2ª xornada da Copa Galicia de Segunda División Nacional, cun partido que a recado se repetirá no play off de ascenso á liga Iberdrola en caso de clasificarse finalmente o equipo de Manu Sánchez.

As viguesas, que saíron goleadas en liga da Cidade Deportiva hai uns meses, expuxeron esta vez un partido incómodo, con moita acumulación de xogadoras diante da súa área e unha férrea orde defensiva. Iso desgastou ás deportivistas, hoxe quizais sen o acerto en ataque doutras xornadas para inaugurar rápido o marcador, a pesar de crear moitas ocasións de gol.

Ese dominio branquiazul, que foi aumentando co paso dos minutos, deu os seus froitos cun gran disparo desde fóra da área de Alba Merino na recta final (minuto 80) que decidiu o encontro.

O choque serviu ademais para comprobar a madurez de varias futbolistas do Deportivo ABANCA B que pisan xa forte, caso de Patri López, Laura Rivas e Alba Suárez, titulares esta mañá; e María Calvo, que xogou toda a segunda parte.

O equipo deportivista dedicou este triunfo á venezolana Kika, operada onte no Hospital HM Modelo dun nocello.

Deportivo ABANCA: Anita, Cris, Laura Rivas, Laura, Patri Díaz, Teresa, Alba Suárez, Peke, Gaby, Patri López e Nuria. Tamén xogaron: Iris, Erika, Lía, Alba Merino e María Calvo.

O próximo partido para o Deportivo ABANCA nesta competición, na 3º xornada do grupo 1º, será o domingo 7 de abril en Santiago ante o Victoria FC.

Os resultados do Deportivo ABANCA nesta Copa Galicia son os seguintes:

Sárdoma CF 0 - Deportivo ABANCA 3 (Alba Merino, Kika e Lía)
Deportivo ABANCA 1 (Alba Merino) - Atlántida de Matamá 0