RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Traballar, estar unidos e deixar de lado cada un os seus obxectivos persoais", receita de Salva Ruiz

Salva Ruiz foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo.

O lateral deportivista admite que "nunca me vira nunha situación tan difícil de levar tantos partidos sen gañar e non atopar a solución. Está nas nosas mans. Todas as veces anteriores no equipo no que estiven conseguín saír de aí, desa mala serie ou do descenso. Aquí tamén podemos conseguilo".

A súa receita pasa por "traballar, estar unidos e deixar de lado cada un os seus obxectivos persoais, os seus pensamentos e ir todos nun mesmo camiño. Cando pasa isto hai que ser realistas e apertar todos ao máximo".

Ademais confesa que "nunha situación normal non me gusta mirar a clasificación. Nunha como esta máis aínda. O que temos que facer é ir partido a partido. Gañar o próximo partido como sexa. Levamos dicindo isto moito tempo pero é que é verdade. É moi importante empezar a darlle a volta xa a isto porque é unha situación moi difícil e ao final cada vez a cousa ponse máis costa arriba".

Por conseguinte, pide este sábado 23 de novembro en ABANCA-RIAZOR ante o AD Alcorcón (18:00 horas, Movistar LaLiga) "gañar da forma que sexa. Dá igual 1-0 que 5-4. A forma que expoña o míster ben estará. Imos ir a matar con ela".

Subliña que o vestiario trata de illarse do ambiente que existe ao redor do equipo: "Tentamos que non nos afecte e centrarnos unicamente no que podemos controlar. Aí non podemos entrar. Págannos para xogar ao fútbol, para adestrar cada día. Temos que centrarnos niso, en traballar e en conseguir eses 3 puntos o sábado".

Apunta que o equipo está aí abaixo "por algo. Non temos o peor equipo aínda que o estamos facendo como tal. O bo é que estamos a tempo de darlle a volta á situación. Desde dentro vexo capacidade de darlle a volta á situación. E creo que o imos a conseguir. Cun cambio de chip que aínda estamos a tempo de dar, imos sacar a situación adiante".

Explica que se chegou a esta situación "por un cúmulo de cousas que van afectando e non só porque haxa unha mala defensa, ou porque haxa mala circulación de balón... Hai un cúmulo de cousas que van afectando e entre todo afecta á mentalidade, ao físico, ao traballo defensivo, ofensivo, xogadores... É algo que se lle pode dar a volta. Estamos niso e imos poder conseguilo".

Preguntado por un cambio radical de libreto segundo apuntou Luis César após finalizar o choque ante o Extremadura UD, Salva Ruiz insiste en que "o vestiario está a matar co míster. Non hai dúbida sobre el. Se el pensa que esa é a solución, todos imos ir na mesma liña. Se non facemos iso é o que nos vai a levar abaixo. Se estamos todos na mesma liña, imos conseguir saír de aí".

Do mesmo xeito que onte Eneko Bóveda, o defensor branquiazul sostén que "non hai ningún problema dentro do vestiario. A xente está comprometida nun mesmo obxectivo, nun mesmo camiño. Nun vestiario, aínda que vaias nun posto de playoff ou conseguindo o obxectivo, sempre hai algunha discusión. Pero nada de maior importancia".

A nivel persoal, indica que está "un pouco amolado pola situación do equipo a nivel xeral. Pero estou con confianza e con ganas de sacar isto adiante".