RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
RCDEPORTIVO

Tradición, sentimento e simboloxía nos equipamentos 2017-2018 do Dépor

Os equipamentos do RC Deportivo 2017-2018, producidos polo novo patrocinador técnico do Club, Macron, e que recuperan o azul orixinal do Club, axuntan tradición, sentimento e simboloxía.

O primeiro uniforme recupera o azul orixinal do RC Deportivo, o Pantone 300C que figura no manual de identidade corporativa estreado polo Club a pasada temporada, tras uns anos nos que se utilizou un ton máis escuro. Con todo, a gran novidade da primeira camiseta estriba na colocación das franxas. Por primeira vez, a camiseta deportivista non presenta unha raia central, pois a división prodúcese xusto no centro da elástica, onde finaliza o colo, que nesta ocasión é en forma de pico. Esta camiseta foi bautizada como Mar polas súas cores branco e azul.

O segundo equipamento, por cuarta campaña consecutiva, protagonízao a bandeira galega. Esta vez coa banda máis ancha que en anos anteriores, conta coa principal novidade de que é un uniforme monocromo. Escudo, ribetes e dorsais aparecen na mesma cor que a franxa da insignia galega. O pescozo é tipo polo e o nome da peza, que figura na súa etiqueta, é Porto, en recordo a que a bandeira galega era a da provincia marítima da Coruña.

O terceiro uniforme volve ser negro, como entre 2006 e 2011, o curso 2012-2013 e algúns partidos do exercicio 2016-2017. Colo (tipo polo, igual que na segunda elástica), ribetes, dorsais e escudo, tamén monocromo como na segunda camiseta, son no azul orixinal do RC Deportivo, recuperado para o primeiro equipamento.

Neste caso, a gran novidade é a aparición da silueta da Torre de Hércules no costado esquerdo da parte dianteira e da caveira de Xerión nas costas, baixo o dorsal. En ambos os casos, os símbolos da cidade aparecen nun discreto e elegante sublimado. O terceiro equipamento comercialízase baixo o nome de Faro.

O tres equipamentos comparten varios elementos, como unha pequena bandeira galega na parte alta das costas e o formato das medias, coa volta en distinta cor do resto.

No caso do primeiro uniforme, son azuis coa volta branca. No segundo, brancas coa volta na mesma cor da franxa da bandeira galega. No terceiro, negras coa volta no azul orixinal do RC Deportivo.