RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Tres puntos clave para enfilar a Primera RFEF (1-0)

O Deportivo arrancou a segunda fase con vitoria ante o Marino de Luanco, mercé a un solitario tanto de Miku, que transformou un penalti cometido sobre Lara ao cuarto de hora da segunda parte e que vale tres puntos vitais para enfilar a clasificación para a Primera RFEF.

Rubén de la Barreira practicamente repetiu o once que venceu a pasada fin de semana ao Zamora CF. O único cambio, obrigado por sanción, foi a saída de Uche Agbo e a entrada de Lara, co que Raí atrasou a súa posición a mediocampo.

A de hoxe foi a segunda visita do Marino de Luanco a ABANCA-RIAZOR e tamén o segundo partido entre ambos os equipos. O primeiro foi unha eliminatoria de Copa do Rei a partido único na Temporada 2001-2002. Naquela ocasión, o Deportivo impúxose no Municipal de Miramar por 1-4. Con todo, os asturianos saltaran ao céspede do estadio herculino con anterioridade, o 14 de abril de 1997, para enfrontarse a un Fabril que os derrotou por 2-0 en partido do Grupo 1 de Segunda B.

O partido tivo dúas partes ben diferenciadas. Unha primeira na que o Marino de Luanco levou a batuta e gozou dos máis claros achegamentos á portería rival. Poucos foron, con todo, xa que o xogo desenvolveuse entre constantes imprecisións na zona ancha e os sistemas defensivos impoñéndose con claridade aos ataques.

A primeira chegada foi un temperán córner a favor do cadro luanquín que cabeceou Trabanco a mans de Lucho García. A ocasión máis clara do Deportivo no primeiro período foi un remate de Raí chegando desde atrás, a pase de Keko Gontán. O disparo do brasileiro levaba veleno e íase lonxe do alcance do porteiro visitante, pero estrelouse contra as pernas dun defensa.

Á media hora, un centro-chute de Luis Morán desde o extremo dereito escapóuselle das mans a Lucho García. Borja Granero estivo rápido para conxurar o perigo. Xa ao fío do descanso, o Marino de Luanco dispuxo da súa mellor oportunidade, nun canonazo raso de Álex Arias desde dentro da área que rexeitou o porteiro colombiano nun alarde de reflexos. O balón solto despexouno Mujaid a saque de esquina.

A segunda metade arrancou seguindo coa liña xeral da primeira, cun centro-chute de Guaya desde a esquerda que esta vez se detivo con seguridade, indo ao chan, Lucho García. O panorama cambiou a partir de entón, comezando o Deportivo a xogar con maior precisión en campo contrario e a impedir calquera tipo de ataque do Marino de Luanco.

Borja Granero tivo que abandonar o campo cun golpe na cadeira. Valín entrou polo defensa valenciano e Bóveda pasou a formar parella con Mujaid no centro da defensa. Pouco despois, Lara internouse na área, lanzado polo extremo esquerdo após un preciso envío longo de Álex Bergantiños orientado cun perfecto control por parte do extremo andaluz. Emilio Morilla derrubouno e o colexiado sinalou o punto de penalti. A pena máxima a transformou Miku cun potente dereitazo cara á dereita do porteiro asturiano.

No minuto 67 produciuse a única chegada clara dos visitantes na segunda metade. Luis Morán centrou desde a dereita e Lora chegou a rematar de cabeza, pero tan forzado que o balón saíu bombeado, moi débil a mans do porteiro deportivista. Os branquiazuis tiveron varias opcións de sentenciar nos minutos finais. Raí probouno após unha boa acción coral, no minuto 80, pero o seu disparo desde o bordo da área foise por riba do traveseiro. Tres minutos máis tarde, Borja Galán pelexou un córner por alto ante Chechu Grana fóra da área pequena e o gardameta visitante non atrapou o coiro, que quedou a pés de Bóveda. O defensa vasco non precisou a súa volea coa esquerda, que se perdeu pola liña de fondo.

Con esta vitoria, o Dépor continua liderando o Subgrupo D en pos dunha das dúas prazas que dan acceso á nova Primera RFEF para a próxima temporada. Os branquiazuis totalizan 32 puntos, por 30 do Racing de Ferrol e 28 do CD Numancia.

RC Deportivo: Lucho García, Bóveda, Mujaid, Borja Granero (Valín, min. 52), Salva Ruiz, Villares, Álex Bergantiños, Raí (Borja Galán, min. 83), Keko (Rayco, min. 83), Miku (Claudio Beauvue, min. 83) e Lara (Gandoy, min. 69).

Club Marino de Luanco: Chechu Grana, Borja, Emilio Morilla (Orviz, min. 73), Trabanco, Miguel Prado, Guaya, Luis Morán (Iván Fernández, min. 73), Nacho Matador (César Suárez, min. 86), Lora (Enol, min. 86), Álex Arias e Mendi (Chiqui, min. 53).

Gol: 1-0 Miku, de penalti (min. 61).

Árbitro: Pozueta Rodríguez (c. cántabro). Cartóns amarelos a Luis Morán (min. 38), Emilio Morilla (min. 70) e Villares (min. 85).

Incidencias: partido da 1ª xornada do Grupo 1 Subgrupo D de Segunda División B disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR con asistencia limitada a 500 espectadores debido á pandemia de COVID-19.