RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Tres puntos para cumprir o obxectivo inicial (3-1)

O Deportivo ABANCA venceu ao Real Betis na Cidade Deportiva de Abegondo, grazas a dous goles de Peke e un gran tanto de Athenea en acción individual, que valen 3 puntos cos que as branquiazuis se sitúan cos 30 que garanten que o obxectivo inicial da permanencia no debut na Primera Iberdrola xa está cumprido.

A primeira metade estivo protagonizada, por riba das outras 21 xogadoras, pola gardameta do Betis, Méline Gerard. A francesa evitou até tres goles cantados nos primeiros 45 minutos. O primeiro, nunha gran xogada de todo o ataque deportivista, culminada por un duro disparo de Maya Yamamoto que se envelenou ao golpear en Marta Cazalla. A porteira, con todo, estivo rápida e áxil para estirarse e desviar o coiro. Ao fío da media hora, rexeitou a córner un escorado pero durísimo remate de Peke. Ese mesmo saque de esquina liquidouno cunha memorable dobre intervención. Primeiro rexeitou o canonazo de socato de María Méndez e desde o chan sacou o balón a un novo saque de esquina coa súa bota dereita.

O Betis, pese ao dominio territorial e de posesión do Deportivo ABANCA, tivo algunhas chegadas perigosas. A que máis, un disparo lonxano á media volta da holandesa Merel van Dongen, que estrelou a pelota na mismísima cruceta dereita do marco defendido por Sullastres no minuto 26. Tamén o tentaron Rosa Márquez e Marta Cazalla, con senllos disparos altos, o segundo deles nunha opción clarísima, practicamente soa ante Sullastres, após aproveitarse dunha posición de fóra de xogo non sinalada pola colexiada.

A segunda metade comezou cun impresionante chute de Cris desde 35 metros que estivo a piques de sorprender a Gerard. A porteira bética reaccionou a tempo para, lanzándose cara atrás, desviar un balón que se coaba no seu marco. Athenea probouno pouco despois con outro disparo lonxano, que se perdeu á esquerda da portería bética por pouco.

Si acertou Athenea no minuto 65, marcando un gol antolóxico. Roubou un balón en mediocampo, desfíxose da rival á que arrebatara o esférico cun gran recorte e correu veloz cara á área. Dentro da mesma, recortou en velocidade, a contrapé, a dúas defensas verdibrancas, e bateu a Gerard cun sutil disparo raso cara ao primeiro pau.

Pouco durou a ampla vantaxe, posto que Van Dongen logrou o 2-1 ao cabecear un saque de esquina ao fondo das mallas. O gol avivou ao Betis, que se foi con todo a polo empate. Priscila tivo unha clara ocasión, ao quedar soa, aínda que escorada, ante Sullastres. A porteira branquiazul recuou para cubrir o seu portal e lanzouse para desviar o pase da morte da dianteira bética. Villegas, en dobre esforzo, afastou o perigo.

Van Dongen puxo a proba a Sullastres nun lonxano libre directo. A holandesa pegoulle durou, buscando o bote na área pequena. Pero a gardameta deportivista detivo o esférico con seguridade. Laura González dispuxo da última ocasión verdibranca, ao resolver cun remate co seu pé dereito un barullo na área. A pelota perdeuse á dereita da portería coruñesa.

A dous minutos do final chegou a sentenza, nun sensacional disparo de Peke desde o bordo da área. A dianteira vasca buscouse o seu espazo recortando cara a dentro, con senllos amagos, e colocou o balón pegado ao poste esquerdo da portería de Gerard, que só puido facer a estatua vendo como chegaba ao fondo das redes. Co choque, agora si, sentenciado, no tempo engadido Manu Sánchez fixo debutar a unha das recentemente chegadas, a centrocampista colombiana Carolina Arbeláez.

Con esta nova vitoria, a quinta en 6 partidos en Abegondo, o Dépor ABANCA logra a permanencia de maneira virtual na súa estrea na categoría con toda unha volta por diante (faltan os partidos de ida da xornada da folga ante o EDF Logroño e o aprazado polo temporal fronte á Real Sociedad). Con 30 puntos, as branquiazuis sitúanse na cuarta posición, só por detrás de FC Barcelona (46 puntos), Atlético de Madrid (37) e Levante UD (33), todos cun partido máis disputado.

Deportivo ABANCA: Sullastres, Cris, María Méndez, Noelia Villegas, Nuria (Érika, min. 90+2), Maya (Teresa Abelleira, min. 62), Iris, Kika (Alba Merino, min. 71), Gaby, Peke e Athenea (Arbeláez, min. 90).

Real Betis: Gerard, Nuria, Marta Cazalla, Van Dongen, Paula Perea, Ana Hernández, Rosa Márquez, Priscila, Bea Parra (Ogebe, min. 60), Szymanowski (Laura González, min. 76) e Martina Piemonte (Rosa Otermín, min. 46).

Goles: 1-0 Peke, de penalti (min. 38); 2-0 Athenea (min. 65); 2-1 Van Dongen (min. 67); 3-1 Peke (min. 88).

Árbitro: Contreras Patiño (c. madrileño). Cartón amarelo a Paula Perea (min. 37), Kika (min. 39), Rosa Márquez (min. 90) e Alba Merino (min. 90+1).

Incidencias: partido da 17ª xornada da Primera Iberdrola disputado na Cidade Deportiva de Abegondo ante uns 600 espectadores.