RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Tucho de la Torre, xogador do Dépor 1963-1964, faleceu aos 78 anos

Tucho, no centro, entre Carlos e Aurre (e) e Padrón e Cucarella (d), o día do ascenso de 1964

Antonio de la Torre Muñoz 'Tucho', xogador do RC Deportivo na campaña do lembrado ascenso a Primeira en 1964, faleceu este luns 18 de setembro á idade de 78 anos.

Nacido o 4 de xullo de 1939 en Marín (Pontevedra), a principios dos anos 50 emigrou coa súa familia a Venezuela, onde comezou a súa carreira no fútbol de elite, cos equipos Colonia Canaria e Banco Obrero.

Regresou a España en 1957, para fichar polo Celta, onde actuou dúas campañas (1958-1960), despois de estar cedido con anterioridade ao Racing de Ferrol (1957-1958). Posteriormente xogou dúas temporadas no Sevilla (1960-1962) e outra no Zaragoza (1962-1963), antes de recalar no Dépor xa iniciada a campaña 1963-1964.

Tucho de la Torre, que actuaba como centrocampista, debutou coa camiseta branquiazul o 19 de marzo de 1964, en partido da 25ª xornada do campionato de Segunda División Grupo Norte ante o Europa, no campo da Rúa Cerdeña (Barcelona). Formou o Dépor, dirixido por Roque Olsen e que perdeu por 2-0, con: Pampols; Nelli, Pegaso, Domínguez; Aurre, Escolà; Loureda, Tucho de la Torre, Veloso, Lamelo e Montalvo.

Só xogaría un partido oficial máis co equipo coruñés, ante o Osasuna (derrota por 4-1) na 30ª e última xornada, o 26 de abril de 1964.

Malia a súa escasa participación, Tucho de la Torre achegou o seu granito de area para que o Dépor asinase unha das mellores temporadas da súa historia, na que anotou nada menos que 74 goles en 30 partidos (case 2,5 goles de media), culminada co ascenso a Primeira División.

Posteriormente, militaría en Racing de Ferrol (1964-1965), Badajoz (1965-1966), Cádiz (1966-1970) e Lemos (1973-1974).

O RC Deportivo, que lle lembrará esta noite do mesmo xeito que aos recentemente falecidos Juan e Fontela cun minuto de silencio antes do encontro fronte ao Alavés, desexa mostrar as súas máis sentidas e sinceras condolencias a familiares, amigos e excompañeros de Tucho de la Torre. DEP.