RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Último partido desta temporada para Celso Borges e Florin Andone

- Foto: www.frf.ro -

Celso Borges e Florin Andone poñen mañá martes 13 de xuño o punto e final á súa temporada, neste caso co seu último partido internacional do presente curso, en San José de Costa Rica e Cluj respectivamente.

Costa Rica recibe a Trinidad e Tobago

Mañá martes 13 de xuño, Costa Rica recibe no Estadio Nacional de San José a Trinidad e Tobago. O encontro dará comezo ás 20:00 (hora local, 4.00 do mércores 14 en España). O encontro é clasificatorio para o Mundial de Rusia 2018.

O pasado xoves 8 de xuño, Costa Rica, con Celso Borges de titular, empatou con Panamá (0-0), tamén en San José, capital do país centroamericano.

O mediocentro branquiazul xogou os noventa minutos dun partido con moito desgaste, posto que o central costarriqueño Giancarlo González foi expulsado con vermella directa no minuto 54 de partido.

Amigable de Romanía ante Chile

Mañá martes 13 ás 21:00 horas, Romanía, na que se atopa concentrado Florin Andone, mídese a Chile nun partido amigable que terá lugar na cidade de Cluj.

O pasado sábado, a selección romanesa, co dianteiro deportivista no once inicial, visitou a Polonia, en partido clasificatorio para o Mundial de Rusia 2018.

Florin Andone xogou completo un partido que se saldou con triunfo polaco (3-1).

Emre Çolak quedou sen minutos con Turquía

Onte domingo 11 de xuño, Turquía, con Emre Çolak, enfrontouse a Kósovo (1-4), no Loro Borici Stadium da cidade albanesa de Shkoder. O partido era clasificatorio para o Mundial de Rusia 2018.

O centrocampista branquiazul estivo no banco e non chegou a saltar ao terreo de xogo.

O pasado luns 5, a selección turca, con Emre Çolak no once inicial, visitou Macedonia nun partido amigable que se xogou na capital Skopje.

Houbo empate sen goles (0-0), e o futbolista do Dépor foi substituído no minuto 79 por Yilmaz.

Marrocos, con Fayçal, caeu en Camerún

O pasado sábado 10 de xuño, Marrocos, con Fayçal Fajr, visitou Camerún, en partido que se xogou no Estadio Omnisports Ahmadou-Ahidjo de Yaoundé, clasificatorio para a Copa de África.

Caeu Marrocos (1-0), e Fayçal xogou completo o encontro. Dispuxo o centrocampista branquiazul dalgunha boa oportunidade para marcar.

Fayçal tamén foi titular no amigable do mércores 31 de maio ante Holanda no Gran Estadio de Agadir. Foi relevado no último minuto do encontro por Bammou. O partido levouno Holanda por 1-2.

Kakuta gañou á República do Congo

O xogador branquiazul Gaël Kakuta mediuse á Republica do Congo, en partido clasificatorio para a Copa de África Camerún 2019, que se xogou no Stade des Martyrs de Kinshasa.

Kakuta foi titular e estivo sobre o campo 60 minutos. Participou activamente o atacante deportivista no triunfo do seu equipo (3-1).

O pasado luns 5 de xuño, a RD Congo disputou un amigable ante Botswana en Rabat. Gañaron os congoleños (2-0) sen Kakuta, que non chegou a saltar ao terreo de xogo, quizais pensando no partido oficial deste pasado sábado.