RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Un canonazo de Alba dispara as ilusións de permanencia do Dépor ABANCA (1-0)

O Deportivo ABANCA volveu gañar despois de tres partidos sen facelo, e fíxoo nun encontro moi importante, ante un rival directo como o Sporting Huelva grazas a un solitario tanto de Alba Merino nos primeiros compases da segunda metade que reengancha ás branquiazuis á loita pola permamencia.

O duelo non tivo donas desde a súa mesmo arranque. As alternativas foron unha constante durante os noventa minutos.

Os primeiros achegamentos foron por parte do Deportivo ABANCA, que forzou varios saques de esquina consecutivos nos primeiros minutos. Nun deles, no minuto 2, Athenea estrelou a pelota no traveseiro. Cinco minutos despois, a dianteira cántabra disparou moi cruzado após unha acción individual no extremo esquerdo.

O conxunto onubense achegouse por primeira vez no minuto 10. A estadounidense Kristina Fisher avanzou pola banda esquerda, recortou cara a dentro e coa dereita disparou moi preto do pau dereito da meta local, que Sullastres tapaba ben. Máis clara foi a ocasión visitante no minuto 18. Unha serie de imprecisións na saída do balón deron como resultado un man a man de Gey con Sullastres, que chegou a tocar o disparo da dianteira sportinguista. O balón dirixíase mansamente cara á portería branquiazul pero Iris estivo rápida para despexar o coiro sobre a mesma liña de gol. A propia Gey acariñou o gol no minuto 22, cun disparo desde o bordo da área que se perdeu por pouco por riba do traveseiro.

O Dépor ABANCA respondeu pronto cunha rápida acción na que Peke coábase soa na área pero foi derrubada por Pau na media lúa. A colexiada unicamente castigou con cartolina amarela a infracción da lateral dereita onubense.

Nos minutos finais do primeiro período houbo alternancia de ocasións. No minuto 35 tivo unha clara o Sporting Huelva por medio de Mayra Ramírez. A dianteira colombiana atopouse cun balón despexado en curto por Sullastres á saída dun córner. Coa porteira deportivista fóra do seu marco, tratou de dar un pase á rede, pero dirixiuno mal, á esquerda da portería.

Despois dun disparo alto de Alba desde o bordo da área, no minuto 43 Gaby viu como se lle anulaba un gol por fóra de xogo. Eva Dios e Alba trenzaron unha boa triangulación, pero o taconazo da estremeña para o desmarque da venezolana tardou demasiado en producirse, de aí a clara posición ilegal da goleadora.

A segunda metade arrancou con algo máis de verticalidade por parte de dous equipos que, a pesar das múltiples ocasións, foran bastante precavidos nos primeiros 45 minutos.

Despois de varias accións nas áreas, chegou o tanto que decidiu o encontro. Corría o minuto 51 cando Athenea presionou con insistencia a Cinta Rodríguez no lateral dereito do equipo onubense. O despexe da central visitante quedou curto, a pés de Gaby. A internacional 'vinotinto' centrou con tensión á área, onde Peke peiteou cara a Alba Merino. A hoxe capitá controlou o coiro completamente soa e fusilou ao Chelsea Ashurst cun imparable canonazo por alto ao primeiro pau.

A entrada de Fatou Kanteh, pouco despois do tanto, comezou a xerar problemas á zaga coruñesa. A velocidade da futbolista xerundense traduciuse en varias accións de perigo para Sullastres. Na primeira delas, no minuto 65, Kanteh gañou a liña de fondo e centrou raso ao primeiro pau, onde Tanaka non foi capaz de rematar. O balón chegou ao segundo pau, onde Mayra Ramírez disparou de socato pero atopouse coas pernas da gardameta deportivista.

Houbo máis polémica na segunda metade cunha man na área da estadounidense Claire Falknor. Gaby controlou longo un córner lanzado por Alba Merino, estirouse para golpear a pelota antes que a americana e cando esta ía camiño de converterse no 2-0 impactou no brazo da xogadora onubense. A colexiada non castigou a acción, moi protestada polas branquiazuis.

Kanteh volveu a erixirse na principal ameaza visitante no minuto 79, nun veloz contragolpe no que cando se coaba na área após gañar a carreira a todas as branquiazuis, preferiu tentar sorprender a Sullastres de lonxe cunha vaselina. O seu golpeo defectuoso quedou moi curto e atrapouno sen problemas a porteira deportivista. Tres minutos máis tarde, Eva Dios tivo na súa cabeza a sentenza, pero a súa cabezada a falta lateral lanzada por Stephannie Blanco marchouse rozando o pau dereito con Chelsea Ashurst facendo a estatua.

Nos últimos minutos, o Deportivo ABANCA defendeuse con contundencia das acometidas á desesperada do Sporting Huelva e mesmo tivo un contragolpe conducido por Alba Merino para pechar a contenda xa en tempo engadido.

Con este triunfo, o cuarto da temporada, o Dépor ABANCA suma 14 puntos, a só 3 do Sporting Huelva, que ten un partido menos e marca as posicións de permanencia en Primera Iberdrola.

Deportivo ABANCA: Sullastres, Cris, Iris Arnaiz, Blanco, Patri López, Ainoa, Alba Merino, Gaby, Eva Dios (Michelle Romero, min. 85), Athenea e Peke (María Figueroa, min. 88).

Sporting Club de Huelva: Chelsea Ashurst, Pau (Paula Romero, min. 46), Patri Ojeda, Cinta Rodríguez, Kristina Fisher, Yoko Tanaka, Castelló (Waldman, min. 66), Claire Falknor, Gey (Kanteh, min. 56), Dany Helena (Jenifer, min. 82) e Mayra Ramírez.

Gol: 1-0 Alba Merino (min. 51).

Árbitra: Fernández Ceferino (c. asturiana). Cartón amarelo a Castelló (min. 7), Pau (min. 25), Gey (min. 52) e Cinta Rodríguez (min. 66).

Incidencias: partido aprazado da 17ª xornada de Primera Iberdrola disputado en Abegondo con afluencia limitada a 150 espectadores debido á pandemia de COVID-19.