RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Un Dépor ABANCA "coa autoestima reforzada" quere manter mañá en Copa ante o CD Parquesol a dinámica da liga

Sen descanso despois do gran arranque ligueiro do pasado domingo ante o Rayo Vallecano en Abegondo, saldado cun espectacular 4-0 e liderado da categoría incluído, o Dépor ABANCA encara xa o partido de Copa de la Reina de mañá mércores 14 de setembro ás 16:30 h. con entrada libre en Abegondo, en eliminatoria a partido único, ao CD Parquesol de Valladolid.

Do debut en liga, Irene Ferreras extrae "unha valoración moi positiva. O equipo atopouse en todo momento, impuxémonos en todas as fases do xogo, conseguimos desarbolar a un equipo moi xunto e que deixaba moi poucos espazos. Puidemos ser moi precisas no último terzo para xerar as suficientes chegadas que nos permitisen abrir a lata e que o partido fose máis aberto".

A adestradora deportivista confesa estar "moi satisfeita e moi contenta porque as xogadoras interpretaron á perfección o que requiría o partido e a contundencia do resultado dános moita moral".

Queda Irene Ferreras destes primeiros 45 minutos con "o volume de ocasións e chegadas que xeramos. O resultado foi 4-0 pero puido ser máis avultado. Era algo que se pedía ao equipo, que se xerasen máis ocasións para ter a tranquilidade de non ter que ser tan precisas ou ter ese acerto na área".

Ademais resalta "a ambición do equipo nese noventa e tantos minutos. En ningún momento o equipo relaxouse. A nivel defensivo todo o mundo responsabilizouse dos retornos que houbo que facer".

Ao ser equipos da mesma división a temporada pasada, o choque será na Cidade Deportiva branquiazul posto que a bóla do Dépor ABANCA saíu en primeiro lugar no sorteo realizado na sede da RFEF o pasado 31 de agosto.

A adestradora deportivista asegura que "afrontamos a Copa con moitas ganas. Vir dun partido tan bo en casa e volver xogar en casa permítenos chegar coa autoestima reforzada, con moita confianza, con xente que sae de banco disposta a sumar e a ter máis minutos. O equipo ten a oportunidade de encamiñar dous partidos seguidos con boas sensacións. Ese vai ser o noso obxectivo: tentar gañar o partido por suposto pero darlle continuidade a esas sensacións e esa dinámica de xogo".

Estréase nunha convocatoria Sara Navarro após a súa chegada a Abegondo xa fóra do mercado de fichaxes. Por contra, causan baixa por lesión Letti Sevilla, Carlota Sánchez e Lorena Reina. Pola súa banda, Noela e Paula Monteagudo, ambas xa con minutos en liga o pasado domingo, e Paula Novo son as representantes de #ANOSACANTEIRA na lista de 18 futbolistas.

Pola súa banda, o CD Parquesol, esta temporada no grupo norte de Segunda Federación, arrincou a liga o pasado sábado con derrota a domicilio por 2-0 ante a CE Europa.

O encontro ten o seu parte emocional para Henar Muiña, Marta Charle e Lucía Alba, tres reforzos deportivistas con pasado no conxunto valisoletano.

Na pasada edición de Copa, na temporada pasada, o Deportivo ABANCA superou na primeira eliminatoria ao CF Pozuelo (1-9) e caeu en Abegondo ante o Granada CF (0-1) en segunda rolda.

Finalizado o choque ante o CD Parquesol, o cadro deportivista terá o xoves xornada de descanso.