RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Un Dépor ABANCA con seis canteirás e varias baixas visita "ao peor rival posible nesta competición", o FC Barcelona

O Deportivo ABANCA encara con varias baixas e con 16 futbolistas a visita deste sábado 17 ás 12:00 (Teledeporte) ao FC Barcelona no Estadio Johan Cruyff, "o peor rival que podes ter nesta competición", tal e como apuntou Manu Sánchez en rolda de prensa.

Os números así o confirman: as azulgranas son líderes indiscutibles da Primera Iberdrola con 66 puntos de 66 posibles, a pesar de que teñen tres partidos menos xogados que os seus inmediatos perseguidores. Anotaron un total de 110 goles, cinco de media por partido, e tan só encaixaron 4.

No outro extremo marcha o Dépor ABANCA, que pecha a táboa con 17 puntos, a cinco da salvación que agora mesmo ostenta o RCD Espanyol, con 22 puntos.

A maiores das futbolistas con problemas físicos, Alba Merino e Ainoa Campo están sancionadas por acumulación de amoestacións tralo partido ante o Real Madrid en Abegondo o 27 de marzo e non puideron cumprilo co Atlético de Madrid do 3 de abril, posto que o choque foi aprazado por casos de COVID-19 no equipo branquivermello.

Explicou o técnico deportivista algunhas das numerosas baixas: "Kika lesionouse coa selección. Carolina (Arbeláez) ten un proceso máis longo de recuperación. Sen Alba Merino e Ainoa (sancionadas) temos bastantes problemas para compoñer o equipo. Temos a María Figueroa, que estaba a entrar moi ben desde o B, arrastra problemas musculares. Imos sacar un equipo inédito para Barcelona", concluíu.

Ante este panorama, Manu Sánchez viuse obrigado a tirar do Deportivo ABANCA B. Así, un total de seis canteirás intégranse na citación: Jessica, Sara Álvarez, Carlota, Patri López, Eva Dios e Tati. Polo menos non houbo parón para elas coa suspensión do partido ante o Atlético de Madrid, posto que as cinco últimas foron titulares a pasada fin de semana co filial deportivista no seu partido da Fase polo Título, grupo 1C de Primeira Nacional, ante o Oviedo Moderno CF B.

En Barcelona, Manu Sánchez dirixirá mañá venres pola tarde unha suave sesión de activación no hotel de concentración do Dépor ABANCA.

Tralo encontro no Estadio Johan Cruyff, o equipo branquiazul pasa a noite do sábado en Barcelona e regresa o domingo directo a adestrar á Cidade Deportiva.

O plan de viaxe do Deportivo ABANCA é o seguinte:

Venres 16 de abril
12:55: Saída do voo de Vigo con destino Barcelona
14:40 (hora estimada): Chegada a Barcelona e aloxamento no hotel NH Porta de Barcelona
18:30: Sesión de activación no hotel

Sábado 17 de abril
12:00: FC Barcelona - Deportivo ABANCA, no Estadio Johan Cruyff

Domingo 18 de abril
7:10: Saída do voo de Barcelona con destino ao Aeroporto da Coruña
9:00 (hora estimada): Chegada ao Aeroporto da Coruña
10:30 (hora estimada): Adestramento en Abegondo