RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Un Dépor ao completo e mentalizado do perigo dos filiais recibe mañá en ABANCA-RIAZOR ao Athletic Club B

Un Dépor con todos os seus efectivos e mentalizado do perigo dos equipos filiais mídese mañá domingo en ABANCA-RIAZOR (17:00 horas, Footters) ao Athletic Club B, en partido correspondente á 14ª xornada no grupo 1º de Primera RFEF. "Esquecémonos de onde están na clasificación. Centrémonos en que vai ser moito máis difícil do que se pode pensar. Así que nós afrontámolo coa mesma sensatez, o mesmo traballo e a mesma ilusión que o partido de Majadahonda porque son tres puntos iguais que o foron ese día e todos os que vimos xogando, sabendo que a diferenza é mínima cada semana", asegurou onte Borja Jiménez en rolda de prensa.

O técnico deportivista manifestaba que a semana de traballo en Abegondo foi "moi tranquila, coa mesma dinámica doutras semanas. Foi completa porque facemos domingo a domingo. Recuperamos a todos os xogadores, moitos xogadores adestrando, aumenta o nivel competitivo entre eles, ves mellorías neles... Contentos, preparando moi ben o partido e moi concentrados no que vai ser o noso rival".

Despois do último adestramento desta mañá en ABANCA-RIAZOR, a porta pechada, o técnico deportivista citou para o partido a 23 xogadores, entre eles os canteiráns Noel, Trilli e Yeremay. Na última sesión previa ao encontro, dispuxo un quecemento con xogos, un partido táctico a metade de campo e, para concluír, finalizacións para centrocampistas e atacantes.

O Dépor chega ao partido como líder en solitario con 29 puntos, a só dous de distancia da UD Logroñés que alcanzou os 27 ao derrotar onte venres ao Valladolid Promesas (3-2). Por detrás, con 26, está o Real Racing Club, que esta tarde recibe nos Campos de Sport de El Sardinero ao Unionistas de Salamanca CF.

Pola súa banda, o Athletic Club B preséntase en ABANCA-RIAZOR cun ex deportivista, Dani Aranzubia, como preparador de porteiros. O meta rioxano, un dos futbolistas máis queridos por #ANOSAFORZA na súa etapa como xogador, regresa á que foi a súa casa durante cinco temporadas entre a 2008-2009 e a 2012-13, entre as que conseguiu un ascenso a Primeira División con marca de puntos en Segunda aínda non superada e unha participación na Copa da UEFA, hoxe Europa League.

Borja Jiménez alertou do perigo do rival a pesar de que, con 12 goles, sexa un dos equipos menos realizadores do grupo: "Teñen xogadores que probablemente o ano que vén esteamos a velos facer goles en Primeira División porque son bos futbolistas".

De feito, da súa experiencia no Valladolid Promesas, indica que este tipo de equipos "son máis volátiles, capaces de estar dúas semanas sen facer gol e sacarche un partido onde fan tres. Pásalles non só aos filiais, a todos os rapaces nese proceso de maduración que ten o xogador. Vivímolo nós no noso día a día e todos os equipos cada vez van facendo máis cousas. Todos os xogadores novos sofren unha evolución e sobre todo de cara a gol hoxe miles de exemplos de futbolistas que o ano anterior non fan goles e ao ano seguinte teñen a capacidade de engancharse e facer 13, 14, 15. É habitual en xogadores novos. O que si que che podo asegurar é que ten xogadores moi desequilibrantes, con moi bo golpeo, xogadores moi veloces, descarados, un contra un... ", conclúe.

Pero os 'cachorros', lonxe da brillantez da temporada pasada na que disputaron o playoff de ascenso a Segunda División, marchan agora décimo sextos, en zona de perigo, con 11 puntos. Caeron pola mínima a pasada fin de semana (0-1) en Lezama co CF Talavera de la Reina e, lonxe do seu campo, cultivaron no que vai de liga unha vitoria en Zamora (0-1); dous empates ante CD Tudelano (2-2) e a SD Logroñés (1-1); e tres derrotas fronte a CyD Leonesa (2-1), Valladolid Promesas (3-1) e Real Racing Club (2-0).