RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL

Un Dépor con dez toda a segunda parte roza a proeza no Calderón (1-0)

  Un ordenado RC Deportivo estivo a piques de dar a badalada sumando no Vicente Calderón, onde completó unha boa primeira metade e deu a cara na segunda a pesar do cartón vermello que viu o franco-marroquí Fayçao Fajr xust

O técnico branquiazul, Gaizka Garitano, refrescou ao seu equipo realizando cinco cambios con respecto ao equipo que se enfrontou ao Leganés fai só tres días. Juanfran, Luisinho, Pedro Mosquera, Bruno Gama e Marlos Moreno deixaron o seu sitio a Laure, Fernando Navarro, Guilherme, Borja Vale e Fayçal Fajr.
 
Aos 5 minutos de xogo produciuse o primeiro disparo a porta. Tras unha boa combinación pola banda esquerda, o turco Emre Çolak buscou o marco branquivermello desde a longa distancia, pero o seu lanzamento foise moi por encima do traveseiro.
 
O Dépor dominou a posesión durante o primeiro terzo do acto inicial, aínda que sen chegar a crear ocasións claras. Mediado este período, o Atlético pegou un acelerón durante o que acariñou o gol nalgunhas accións e provocou varios saques de esquina que finalizaron con remates, aínda que sen maior perigo.
 
A oportunidade máis clara chegou no minuto 21, cando o francés Antoine Griezmann quedou man a man ante o arxentino Germán Lux. O seu zurdazo marchouse excesivamente cruzado. Tres minutos máis tarde, Raúl Albentosa sacaba baixo paus un remate bombeado do arxentino Nico Gaitán, tras unha deixada de cabeza de Griezmann
 
Reaccionou o Dépor no minuto 26. Unha recuperación en campo contrario do brasileiro Guilherme acabou en pés de Emre Çolak. O otomán volveu mirar a portaría cun duro disparo afastado, aínda que esta vez por baixo e demasiado centrado. O esloveno Jan Oblak detivo o esférico con seguridade.
 
No minuto 37, Griezmann tentouno novamente, nesta ocasión nun cabezazo en ferro, tras un centro desde a esquerda do ataque colchoneiro.
 
O Atlético de Madrid tivo que realizar dous cambios na primeira parte debido a senllas lesións. Augusto e Giménez deberon deixar o seu sitio a Gabi e Lucas Hernández. Eses cambios provocaron un tempo engadido maior do habitual e, precisamente nesa prolongación, Fayçal Fajr viu a segunda cartolina amarela. A escasos segundos do intermedio, o Dépor quedaba con dez xogadores.
 
Aos dous minutos da segunda metade, tras un primeiro intento afastado, unha vez máis, de Emre Çolak, o colexiado anulou un tanto ao Atlético. O belga Yannick Carrasco disparou desde a frontal, Lux non puido atallar o balón e Griezmann alcanzou o rexeite, para enviar o coiro ao fondo das mallas. No momento do disparo de Carrasco, o galo atopábase en posición adiantada.
 
No minuto 53, de novo Carrasco puxo en apertos o portal herculino. O extremo, nun novo tiro desde a frontal da área, estrelou o balón no traveseiro, tras un leve lapote salvador de Germán Lux.
 
Catro minutos despois, o costarriqueño Celso Borges devolveu coa cabeza cara á área pequena un centro pasado de Laure, que o romanés Florin Andone non puido empuxar á rede, ao anticiparse Lucas Hernández cun croque sobre a mesma liña de gol. Inmediatamente, veu arriba o Atlético, que no espazo dun minuto xerou tres ocasiones moi claras, nun derechazo de Nico Gaitán, un cabezazo do arxentino Anxo Correa e un zurdazo do brasileiro Filipe Luís.
 
O Atlético non quixo dar un respiro ao Deportivo. Os branquivermellos presionaron arriba e imprimiron unha marcha máis ao partido. Tras algo máis de dez minutos empuxando, chegou o tanto do conxunto local. Griezmann remachou un pase da morte do seu compatriota Kevin Gameiro.
 
Os locais baixaron o ritmo, tratando de monopolizar a posesión e de sentenciar en saídas ao contragolpe, o cal estivo a piques de custarlles un desgusto. Xa en tempo engadido, o portugués Luisinho centrou desde a esquerda, o balón caeu na área a pés de Koke, a quen llo punteó Borja Vale. Emre Çolak o empalmó nun durísimo remate que se topou coa cabeza do uruguaio Diego Godín.
 
Con esta derrota, o Dépor continúa na zona baixa da táboa con 5 puntos tras as 6 primeiras xornadas do campionato.
 
Atlético de Madrid: Oblak, Juanfran, Giménez (Lucas Hernández, min. 36), Godín, Filipe Luís, Carrasco (Gameiro, min. 59), Augusto (Gabi, min. 19), Koke, Nico Gaitán, Griezmann e Correa.
 
RC Deportivo: Lux, Laure, Albentosa, Arribas, Fernando Navarro (Babel, min. 75), Guilherme (Pedro Mosquera, min. 68), Borges, Fayçal Fajr, Emre Çolak, Borja Vale e Andone (Luisinho, min. 60).
 
Gol: 1-0 Griezmann (min. 70).
 
Árbitro: Gil Manzano (c. estremeño). Expulsou a Fayçal Fajr (min. 46) por dobre amoestación. Cartón amarelo a Fayçal Fajr (min. 38), Lucas Hernández (min. 42), Emre Çolak (min. 56), Babel (min. 84).
 
Incidencias: partido correspondente á 6ª xornada de LaLiga Santander disputado no estadio Vicente Calderón ante 45.653 espectadores.