RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Un Dépor de máis a menos tráese un só punto de Leganés (0-0)

O Deportivo sacou un punto insuficiente en Butarque, que o deixa a 6 puntos da zona de permanencia con só 4 partidos por diante, nun encontro no que comezou sendo superior, desaproveitando dúas claras ocasións, pero foi cedendo terreo paulatinamente a un Leganés que, a pesar de facerse amo e señor do partido, tampouco mereceu máis.

O preparador branquiazul, Clarence Seedorf, realizou unha única modificación no once, co regreso de Emre Çolak á mediapunta, en detrimento de Michael Krohn-Dehli, titular no encontro do pasado martes ante o Sevilla en ABANCA-RIAZOR.

O primeiro achegamento produciuse no minuto 5. Lucas quedou só ante Cuéllar. O propio Lucas roubou o coiro a Siovas, xogou cara atrás para Guilherme, que abriu para Çolak e este devolveu á esquerda para o '7' branquiazul, que preferiu amagar e recortar cara a dentro ante a chegada de Bustinza, pero topouse coa axuda de Zaldua, que abortou o perigo, rexeitando a saque de esquina.

Dous minutos máis tarde, nova oportunidade para Lucas, máis clara aínda. Guilherme atopou un buraco entre os centrais 'pepineiros' para conectar co dianteiro deportivista, só con moitos metros por diante. No cara a cara con Cuéllar, gañou o meta local, que adiviñou a intención de Lucas.

O primeiro intento do Leganés non chegou até pasado o cuarto de hora, nun lanzamento lonxano, moi desviado, de Eraso.

No minuto 23, estivo máis preto do gol Nabil El Zhar, nunha xogada de estratexia nun saque de esquina que o Leganés xogou por baixo aproveitándose dun bloqueo de Bustinza a Adrián. O remate do marroquí desviouno Albentosa e o esférico perdeuse por pouco pola liña de fondo, indo novamente a córner.

Respondeu pronto o Dépor, no minuto 27, nun novo ataque veloz, após un pase en profundidade de Emre Çolak a Lucas. O dianteiro coruñés esta vez si probou a Cuéllar á primeira, cun duro disparo cruzado que o gardameta local rexeitou a saque de esquina. E o Leganés tardou pouco en replicar, nunha cabezada franca de Eraso a centro desde a esquerda, que o dianteiro 'pepineiro' pifiou, picándoa en exceso. Corría o minuto 29.

Tentouno o Leganés de novo no minuto 35, nunha combinación pola banda dereita que culminou Zaldua cun lanzamento que se foi moi por riba do traveseiro. Dous minutos despois, Lucas puxo un balón de ouro a Adrián en boca de gol, pero Siovas, lanzándose ao chan, evitou o remate do máximo goleador branquiazul. O balón acabou en córner.

Após unha primeira metade na que o Dépor foi de máis a menos, un primeiro período de maior posesión para o Leganés, chegouse ao descanso.

A segunda metade comezou cunha falta a favor do Leganés na que Eraso tentou sorprender a Rubén. O bote a 3 metros da súa posición non fixo dubidar ao porteiro deportivista, que atallou con seguridade.

Aos dez minutos, o colexiado, a instancias do seu asistente, anulou unha clara ocasión do Dépor por un fóra de xogo inexistente de Lucas Pérez. O ariete herculino serviu o esférico desde o extremo esquerdo a un Adrián que chegaba totalmente libre de marca, cara a cara con Cuéllar. Pero a acción xa estaba invalidada.

Recentemente superada a hora de encontro, Çolak probou un lanzamento lonxano que rexeitou a córner a zaga local. No saque de esquina, Adrián peiteou no primeiro pau pero na área pequena rexeitou novamente a zaga local cando entraba Fabian Schär a remachar.

Despois dun tramo longo sen achegamentos, Seedorf queimou todas as súas naves dando entrada a Florin Andone por Celso Borges. O Dépor acababa xogando cos seus 4 dianteiros xuntos: Lucas á dereita, Adrián á esquerda e Borja Valle por detrás do romanés.

De pouco valeu. Ao final, segundo empate sen goles consecutivo para o conxunto branquiazul, que ademais de deixar a portería a cero dous partidos consecutivos por primeira vez en toda a temporada, suma a súa cuarta xornada consecutiva puntuando. Pero cun punto que de xeito evidente se antolla curto para as necesidades do equipo deportivista.

CD Leganés: Cuéllar, Zaldua, Siovas, Bustinza, Diego Rico, El Zhar, Rubén Pérez, Gabriel, Amrabat (Raúl García, min. 89), Eraso (Brašanac, min. 70) e Guerrero (Beauvue, min. 76).

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Albentosa, Schär, Luisinho, Borges (Andone, min. 79), Pedro Mosquera (Fede Valverde, min. 56), Guilherme, Emre Çolak (Borja Valle, min. 70), Lucas e Adrián.

Árbitro: Álvarez Izquierdo (c. catalán). Cartón amarelo a Emre Çolak (min. 28) e Adrián (min. 90).

Incidencias: partido da 34ª xornada de LaLiga disputado no Estadio de Butarque ante 10.124 espectadores.