RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Un punto que non basta para pechar a permanencia (2-2)

O Dépor deberá esperar unha semana máis para atar matematicamente a permanencia, tras empatar en Pamplona un partido que comezou perdendo, ao que lle deu a volta cun dobrete de Guilherme e no que encaixou o gol da igualada definitiva en propia meta, ante un Osasuna xa matematicamente descendido e con once baixas.

O adestrador deportivista, Pepe Mel, realizou catro cambios con respecto ao once inicial que presentou o pasado mércores ante o Real Madrid en Riazor. Raúl Albentosa substituíu ao lesionado Sidnei no centro da zaga. Celso Borges regresou ao equipo en lugar de Álex Bergantiños. Bruno Gama ocupou a posición a Carles Gil. E Fernando Navarro substituíu a Gaël Kakuta, que nin sequera entrou na convocatoria, co que Luisinho adiantou a súa posición ao extremo esquerdo.

Cumpríase o minuto 4 de partido cando Osasuna adiantábase no marcador. Un córner mal despexado pola defensa deportivista quedou franco a Steven Mondragón para fusilar a Germán Lux. Un novo tanto encaixado polos branquiazuis nos primeiros minutos dun partido.

O Deportivo buscou a portería de Salvatore Sirigu por primeira vez no minuto 9, nun disparo lonxano de Juanfran que se marchou alto.

No minuto 16, Kenan Kodro estivo a piques de facer o segundo gol tras unha magnífica manobra na área. Ante Lux tratou de definir coa punteira e mandou o esférico ás nubes.

Dous minutos despois chegaba o empate para o cadro deportivista. Á saída dun córner, o balón acabou no extremo dereito, en pés de Juanfran. O lateral meteu un centro envelenado que se paseou por toda a área pequena e que cazou Guilherme, tirándose en prancha no segundo pau. Deste xeito, o brasileiro estreábase como goleador coa camiseta deportivista.

Recentemente superada a media hora, o Deportivo combinou con acerto na frontal da área local. Unha triangulación entre Bruno Gama, Andone e Borges estivo a piques de acabar no 1-2. O romanés cedeu de costas á incorporación do costarriqueño, ao que se anticipou Sirigu por pouco. O rexeite do porteiro italiano caeu a pés de Andone que, tras recortar ao gardameta, desequilibrado, escorado e coa portería baleira, non puido definir. O seu remate coa esquerda marchouse alto.

No minuto 37, Sirigu despexou milagrosamente unha falta lateral botada por Bruno Gama con moita intención. No minuto 40, Juanfran estrelou no traveseiro unha vaselina sobre o porteiro local, rematando ao primeiro toque un larguísimo e marabilloso cambio de orientación de Luisinho. O rexeite colleu a contrapé a Andone, que nada puido facer para rematar de novo a portería.

Pouco despois, após unha embarullada acción na área deportivista, o rexeite caeu nas botas de Roberto Torres, que ensaiou un disparo raso con efecto que se foi moi preto do poste dereito do portal deportivista.

A segunda metade comezou cun Dépor presionando máis arriba, o cal derivou en moito menos perigo en ambas as áreas. A primeira acción reseñable foi no minuto 54, cando Goran Čaušić rematou un balón solto na área. O seu lanzamento, raso e centrado, detívoo Lux con seguridade.

No minuto 59, Albentosa desbaratou en última instancia un peligrosísimo contragolpe do Osasuna en superioridade numérica. O central deportivista aguantou o dous contra un de Berenguer e Sergio León e rexeitou o esférico lanzándose a pés do dianteiro osasunista cando xa disparara a portería.

Luisinho estivo a piques de facer o 1-2 no minuto 63. O portugués crebou a Oier polo centro e soltou un potente dereitazo desde a frontal da área. O coiro marchouse preto do pau esquerdo do marco de Sirigu.

Cinco minutos despois, Andone tentou sorprender de lonxe tras un balón en profundidade de Luisinho. Sirigu, descolocado, lanzouse ao chan para rexeitar a saque de esquina. Tras ese córner, os locais montaron un novo contragolpe no que Lux detivo o lanzamento de Roberto Torres.

O Deportivo adiantouse no marcador no minuto 70. Un saque de esquina botado por Emre Çolak cabeceouno Albentosa no segundo pau, devolvendo o esférico cara á área pequena, onde Guilherme anticipouse a Sirigu coa súa perna dereita para aloxar o balón na portería local.

No minuto 78, nun novo córner, empatou o Osasuna. Oier peiteou no primeiro pau e no segundo Juanfran introduciu o coiro na súa propia portaría cando tentaba evitar o remate de Sergio León.

Ao fío do minuto 90, Fernando Navarro sacou sobre a mesma liña de gol unha acción embarullada, na que Kenan Kodro rematou desde o chan, con Lux xa superado.

Con este empate, o Deportivo suma 32 puntos, polos 24 que ten o Sporting de Gijón, equipo que marca a zona de descenso. Se os asturianos empatan ou perden o vindeiro sábado 6 de maio en El Molinón ante Las Palmas, o Dépor xogaría o domingo 7 ante o Espanyol (18:30, Bein Sports) co seu posto asegurado a próxima temporada en Primeira División. No caso de que os xixoneses gañasen, os branquiazuis necesitaría gañar ao conxunto barcelonés para selar a permanencia matematicamente.

CA Osasuna: Sirigu, Aitor Buñuel (Javier Flaño, min. 77), Oier, Steven Mondragón, Fuentes (Álex Berenguer, min. 23), Clerc, Fausto Tienza (De las Cuevas, min. 77), Čaušić, Roberto Torres, Kenan Kodro e Sergio León.

RC Deportivo: Lux, Juanfran, Albentosa, Arribas, Fernando Navarro, Guilherme, Borges, Bruno Gama (Ola John, min. 62), Emre Çolak (Carles Gil, min. 78), Luisinho (Marlos Moreno, min. 88) e Andone.

Goles: 1-0 Steven Mondragón (min. 4); 1-1 Guilherme (min. 18); 1-2 Guilherme (min. 70); 2-2 Juanfran, en propia meta (min. 78).

Árbitro: Hernández Hernández (c. Las Palmas). Cartón amarelo a Guilherme (min. 2), Aitor Buñuel (min. 13), Oier (min. 17), Albentosa (min. 75) e Arribas (min. 90+2).

Incidencias: partido correspondente á 35ª xornada de LaLiga Santander disputado no estadio de El Sadar ante 12.294 espectadores, con ao redor de 700 seguidores deportivistas nas bancadas.