RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Valín, consciente da esixencia, pide "tranquilidade porque isto está a empezar e temos bastante marxe de mellora"

Jorge Valín pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo despois de disputar os seus primeiros minutos en liga o pasado domingo en San Lázaro ante a SD Compostela.

O canteirán cre que o cambio de superficie, da herba natural á sintética do Estadio Reina Sofía do Unionistas de Salamanca CF, "afectará porque ao final é un cambio de superficie importante. Tamén é verdade que o campo de alí é de última xeración, co cal dentro da diferenza que pode haber, notarase menos".

Opina que "estes adestramentos (no campo do Monte) véñennos ben para facernos máis ao terreo. Espero que o afrontemos sen ningún problema".

Asume con naturalidade unha semana na que podería entrar no once inicial pola lesión de Eneko Bóveda: "Este ano son xogador do primeiro cadro e se estou aquí é porque podo achegar cando o míster o crea conveniente. Agora tivemos a mala fortuna de que tanto Salva como Eneko caeron o outro día lesionados. Se me toca xogar a fin de semana trataremos de facelo o mellor posible. Creo que estou preparado para iso".

É consciente que afronta a nivel individual "un ano difícil. Hai moito nivel neste cadro pero con ganas de tratar de achegar o máximo e ter o máximo número de minutos posible".

Espera este domingo 1 de novembro en Salamanca (16:00 horas, Footters) "un partido complicado. Están máis feitos ao campo. Son un equipo bo. Gañaron ao Compostela na 1ª xornada e empataron en Pontevedra na 2ª. Teñen 4 puntos como nós. Eles tamén van querer os 3 puntos e sairán a por todas, presionando arriba mesmo. Estamos preparados para esa intensidade que van propoñer e nós temos que igualala ou superala para gañar o partido".

Ve ao Dépor listo para visitar ao Unionistas aínda que admite que "temos que facernos aos botes, a como roda o balón neste terreo. O equipo está a adaptarse ben".

Tamén recoñece que nos 2 partidos xogados até a data "non estivemos do todo cómodos. O Compostela saltábanos bastante ben a presión e non fomos capaces de ter longas posesións, de ter confianza con balón, de ter o balón no seu campo. Ao final levamos 2 xornadas, 4 puntos. Dentro do que cabe está ben. Sabemos a esixencia que hai e agora a polos seguintes partidos coa maior esixencia pero con tranquilidade de saber que isto está a empezar e de que temos bastante marxe de mellora".