RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Vázquez: "Non estamos a ter sorte. Non se gañan 6 partidos seguidos por sorte"

Fernando Vázquez apuntou na sala de prensa do Estadio de Santo Domingo que "facemos o noso partido e que o rival faga o seu. Cedemos a posesión do balón ao equipo rival e a partir de aí buscamos unha saída con velocidade. No primeiro tempo non estivemos ben, fallamos certas saídas que parecían fáciles. Tivemos dúas chegadas claras. E no segundo tempo o Alcorcón, que é un moi bo equipo, someteunos un pouco máis pero tampouco sen pornos demasiado en apertos. E nós aproveitamos no desconto o mesmo que hai cinco anos eu aquí, que tamén co Deportivo gañamos nun córner no desconto: 1-2".

O técnico deportivista explica os cambios na segunda metade de Çolak e Aketxe: "Que características teñen Keko e Hugo Vallejo? Moi diferentes ás de Aketxe e Çolak, que son xogadores de balón ao pé. Buscaba xogadores máis ao espazo como Hugo Vallejo e Keko. A facilidade para facer un contraataque con menos control da pelota pero xogadores que van ao espazo e gañar ese espazo detrás da defensa".

Admite que nunca pensou que "o equipo tivese un gran día no aspecto ofensivo porque aí temos deficiencias. Estamos a reforzarnos, ocupando a nosa enerxía no aspecto defensivo, que o equipo rival non che tire a portería ou che cre ocasións de gol. E estámolo facendo ben. Hoxe tamén o demostramos. É imposible evitar ao 100% que che tiren pero nese sentido estou contento. No xogo ofensivo melloraremos co paso do tempo, cando o equipo se atope nunha situación máis folgada e tentaremos facer evolucionar ao equipo neses aspectos nos que non estamos ben. O equipo está un pouco desequilibrado cara ao aspecto defensivo pero iso faio moi ben e iso é o que nos está dando as vitorias. Non estamos a ter sorte. Non se gañan 6 partidos seguidos por sorte. Iso enténdeo todo o mundo".

Fai balance para o que queda ao Dépor até o final de temporada: "Temos que gañar 6 para facer 51 puntos. É posible que facendo 48... E podemos perder 9. Agora o número de partidos que temos que gañar é inferior ao número de partidos que podemos fallar. A ver se o facemos seguido. Sería bonito. E superar a marca de José Luis Oltra, que ten 9 co Dépor".

Finalmente, deu a súa opinión sobre a amarela que viu a pasada fin de semana en ABANCA-RIAZOR por festexar o gol coa bancada e que condicionou a súa celebración en Santo Domingo do tanto de Koné porque xa tiña unha amoestación no encontro: "Os adestradores corren a banda cando hai un gol, vanse a abrazar cos seus xogadores. Os xogadores suplentes saen do banco e abandonan a área técnica. Hai momentos e momentos. Non me pareceu moi normal que o outro día en ABANCA-RIAZOR sacásenme unha amarela, co razoamento de que eu abandonei a área técnica. Se miramos o fútbol nacional, 1ª, 2ª, 2ª B, fútbol internacional, cantas veces vedes este tipo de situacións e non pasa nada?".