RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Venezuela e Bolivia, rivais da Uruguai de Fede Valverde

O deportivista Fede Valverde foi novamente citado por Uruguai para dous partidos oficiais no mes de outubro, clasificatorios para o próximo Campionato do Mundo.

O xoves 5 de outubro, a selección uruguaia visita a Venezuela (17:00 hora local, 23:00 horas en España), no Estadio Polideportivo Pueblo Nuevo de San Cristóbal.

E o martes 10 de outubro, Uruguai recibe a Bolivia (20:30 hora local, madrugada do mércores 11 en España) no Estadio Centenario de Montevideo.

Fede Valverde debutou coa súa selección absoluta ante Paraguai en Asunción no último partido, xogado o pasado martes 5 de setembro. O xogador do Dépor anotou o primeiro dos goles, que encarrilou o triunfo do conxunto celeste (1-2).

Uruguai marcha segunda no grupo suramericano de clasificación con 27 puntos, a 10 de distancia do líder, Brasil, que suma 37. Por detrás apertan Colombia (3ª con 26 puntos) e Perú e Arxentina, igualados con 24 puntos. Os catro primeiros acceden directamente á Fase Final do Mundial, mentres que o quinto clasificado xogará unha eliminatoria de repesca contra o campión de Oceanía, Nova Zelandia.

O mariñeiro Valverde cruzará o 'charco' tras o partido que o conxunto deportivista xogará o sábado 30 de setembro (13:00 horas, Bein LaLiga) no Estadio ABANCA-RIAZOR ante o Getafe.

Decisiva cita para Borges con Costa Rica

Celso Borges, un dos capitáns do Deportivo e un dos fixos na selección de Costa Rica, xógase co seu equipo nacional a clasificación para o Mundial de Rusia 2018.

O venres 6 de outubro, Costa Rica recibe a Honduras no Estadio Nacional de San José, nun partido que arrancará ás 20:00 (hora local, madrugada en España).

E o martes 10 de outubro, o equipo costarriqueño visita a Panamá, ás 19:00 horas (hora local, madrugada en España) no Estadio Rommel Fernández de Cidade de Panamá.

Costa Rica é actualmente segunda no hexagonal final de clasificación da CONCACAF con 15 puntos, por detrás do líder, México, que alcanza os 18 puntos e xa ten o seu billete a Rusia. Terceiro é Panamá, que suma 10 puntos, e cuarto Estados Unidos, con 9 puntos. Os tres primeiros clasificados van directamente á fase final e o cuarto deberá disputar unha eliminatoria a dobre partido co quinto clasificado da zona asiática, cuxo vencedor tamén estará en Rusia.

Celso Borges viaxará á concentración do equipo nacional o domingo 1 de outubro.

Andone e Pantilimon, citados por Romanía

Florin Andone e Costel Pantilimon foron convocados pola Selección Romanesa de fútbol para dous partidos oficiais clasificatorios para o Mundial de Rusia 2018.

Así, o xoves 5 de outubro Romanía recibe a Kazajistán (21:45, hora local) no Estadio Ilie Oanâ da cidade de Ploiesti.

E o domingo 8 de outubro, os romaneses visitan a Dinamarca (18:00, hora local) no Estadio Telia Parken de Copenhague.

Os dous xogadores do Dépor incorporaranse ao seu equipo nacional o domingo 1 de outubro.

Romanía marcha cuarta clasificada do grupo 5 de clasificación para o Campionato do Mundo de Rusia 2018, con 9 puntos. Lidera o grupo Polonia (19 puntos), seguido por Montenegro e Dinamarca (ambos con 16 puntos), co que Romanía xa non ten opcións de coarse na fase final.

Bakkali entra na preconvocatoria de Bélxica Sub-21

Zakaria Bakkali foi preconvocado pola Selección Belga Sub-21 para disputar dous partidos oficiais no próximo parón ligueiro de seleccións nacionais.

O venres 6 de outubro, Bélxica recibe a Suecia, e o martes 10, o combinado belga visita a Chipre. Ambos os partidos son clasificatorios para o Campionato de Europa da categoría.

Nos próximos días, a Federación Belga de Fútbol fará pública a lista definitiva. En caso de ser citado, Bakkali incorporarase o martes 3 de outubro á concentración do equipo.