RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Villares cre que o triunfo ante a UD Logroñés "reforza moito moral e sobre todo futbolísticamente para afrontar o que nos queda"

Diego Villares admitiu en rolda de prensa esta mañá que "botaba en falta" volver á súa posición natural de mediocentro despois de varios partidos na posición de lateral dereito: "Volver ao centro do campo sempre é agradable e máis cando levas xogando sempre. Dáche máis confianza. Nunha posición distinta podes xogar máis atado". Iso si, insiste en que está "encantado de poder axudar ao equipo onde sexa".

O futbolista lucense quere chegar ao playoff "coas mellores sensacións posibles e iso implica que de aquí ao final se podes gañar os partidos que quedan, perfecto. E se non, chegar en bo ton físico e un bo ton futbolísticamente falando que nos permita chegar con confianza a eses partidos que son clave".

Aínda que está de acordo en que gañando os dous partidos que restan en ABANCA-RIAZOR (CD Tudelano e Unionistas de Salamanca CF) pode ser suficiente para amarrar a segunda praza, "non nos podemos conformar con iso e moito menos cos resultados que estamos a ter fóra de casa que creo que é un aspecto a mellorar. Sexa onde sexa o playoff vas ter que competir neutralmente entón tamén temos que dar ese puntiño máis fóra de ABANCA-RIAZOR".

O triunfo da pasada fin de semana ante a UD Logroñés deixa "sobre todo unha moi boa sensación, ante un rival directo da parte alta que che reforza moito moral e sobre todo futbolísticamente para afrontar o que nos queda. Sabiamos que era un partido clave e sacalo adiante con esa suficiencia ao vestiario dálle moito".

Do mesmo xeito que manifestaron estes días o resto de compañeiros, cre que "o último que temos que facer agora" é entrar a valorar as alusións ao Dépor na celebración do ascenso do Real Racing Club: "Temos que dedicarnos aos partidos que nos quedan, a afrontar eses partidos de playoff coa maior ilusión posible e coas ganas que se debe".

Tampouco quere saber nada da súa renovación "neste momento clave da temporada. Cando se teña que facer, farase. Por min, encantado de seguir aquí".