RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Visita sorpresa do cadro do Deportivo ao DéporCampus Cabreiroá de Abegondo

Os 62 nenos e nenas que gozaron na Cidade Deportiva de Abegondo da quinta semana dos DéporCampus Cabreiroá 2018 recibiron esta mañá unha visita especial.

Nada máis acabar o adestramento, os futbolistas do primeiro equipo do Deportivo pasáronse pola cerimonia de entrega de diplomas no campo principal de Abegondo. Sidnei, Guilherme, Albentosa, Ortolá, Mosquera, Borja Valle, Krohn-Dehli, Quique González, Cartabia, Saúl, Edu Expósito, Dubarbier, Pedro Sánchez, Éneko Bóveda, Álex Bergantiños, Carles Gil, Dani Giménez... saudaron a todos os nenos e nenas; e pousaron nunha foto que quedará para o recordo de todos eles.

A continuación, Pedro Mosquera foi o encargado de entregar os diplomas nun acto entrañable, dirixido polo 'speaker' do Estadio ABANCA-RIAZOR, José Luis Núñez.

Do mesmo xeito que ocorreu no tres quendas anteriores, a mañá estivo dedicada a actividades deportivas e de competición con inchables no campo de herba sintética.

A próxima semana, un total de 107 nenos e nenas participarán na sexta quenda do DéporCampus en Abegondo, que porá o punto e final a un intenso verán de diversión ao longo de toda Galicia.

Os DéporCampus Cabreiroá creceron de forma exponencial. Dun campus cunha única sede e menos dun centenar de nenos e nenas en 2013 pasáronse ás actuais 15 localizacións.

Este verán estreáronse 6 sedes: Ourense, Cuntis, Dumbría, Boiro, Revilla de Camargo (Cantabria) e Plasencia (Cáceres), que se sumaron ás xa existentes en Abegondo, Viveiro, Bertamiráns, Caranza, Monforte, As Pontes, Ordes, Zas e Xenebra (Suíza).

A participación roldou este ano os 1.500 nenos e nenas, no que constitúe todo un éxito de organización.