RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

William apreciou un Dépor "dominador" e Elitim destacou que o equipo "tivo paciencia"

William de Camargo, autor do gol do triunfo esta tarde en ABANCA-RIAZOR, e Juergen Elitim atenderon aos medios de comunicación na sala de prensa após concluír o encontro ante o Zamora CF.

William cre que o partido foi "un pouco complicado pola maneira que xogaban eles. Todos os equipos cando veñen xogar a ABANCA-RIAZOR transfórmanse e xogan mellor. Vin ao noso equipo moi ben, xerando ocasións e sendo dominador".

O atacante brasileiro, decisivo hoxe, admitiu sentirse "ben" despois de ter nas súas botas a mellor ocasión para marcar o pasado domingo en Santander ante o Real Racing Club nun partido que acabou en empate sen goles: "Síntome ben e un pouco aliviado".

Ao saltar ao campo na segunda metade, conta que Borja Jiménez "me pediu desborde porque era un equipo moi pechado, que defendía ben a pesar de estar na táboa como está".

Pola súa banda, Juergen Elitim comenta que está "contento, feliz pola vitoria, por sumar da tres, porque durmimos líderes hoxe e porque ao final conseguimos o que queriamos".

Do mesmo xeito que William, recoñeceu que o partido estivo "bastante complicado. O Zamora CF meteuse bastante atrás e había pouco espazo entre liñas mesmo ás costas para buscar esa superioridade. O equipo tivo paciencia, soubo atacar zonas débiles do rival e así conseguimos o gol".

O futbolista colombiano destacou que na segunda metade, "os rapaces que entraron fixérono bastante enchufados. Cambiou o partido a partir de aí. Willi, Noel, Calavera, Miúdo déronnos ese puntiño máis para poder achegarnos ao obxectivo que era gañar hoxe".

Finalmente, Elitim subliñou o papel de #ANOSAFORZA: "ABANCA-RIAZOR dános ese puntiño máis. É nosa casa, o noso templo e nós estamos felices e agradecidos de poder contar con #ANOSAFORZA. Xogamos cun máis. Temos esa vantaxe en canto aos outros, da nosa xente, da nosa masa social. Cando o equipo o necesitou estiveron alí e leváronnos polo aire cara ao triunfo".