RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Xa se poden retirar as entradas para o Dépor-Badajoz

Unha vez configurados todos os parámetros técnicos para axustar a demanda ao aforo dispoñible e axustar todos os procedementos para minimizar erros e molestias á masa social do RC Deportivo, xa están dispoñibles as entradas para todas as socias e socios do Dépor con abono con localidade para o RC Deportivo-CD Badajoz do sábado 18 de setembro ás 19:00 h en ABANCA-RIAZOR.

A través da seguinte ligazón, após identificarse coa súa ID de Socia/o e os 4 últimos números do DNI, a persoa abonada poderá seleccionar calquera asento dispoñible -marcado en verde na aplicación- (e que non ten por que coincidir co que ten como titular de abono) que desexe escoller para a súa entrada: https://bancada.rcdeportivo.es

Con eses mesmos datos doutras peroas socias, unha única persoa pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos próximos, só separados polas distancias de seguridade.

Ao tratarse dun procedemento de adxudicación directa, é moi importante solicitar que unicamente se realice o proceso para conseguir a entrada, dispoñible até o comezo do partido, no caso de que exista a total certeza de que se acudirá ao encontro. Debido ás actuais restricións sanitarias aínda non está dispoñible o 100% do aforo do Estadio, co que unha vez completada a operación bloquearase o asento para o socio que o solicite sen posibilidade de liberalo.

Ademais existen 3 bancadas con máis carnés de socio que o seu aforo actual, polo que aproveitamos para indicar as bancadas alternativas que poderán escoller persoas socias das zonas con sobreaforo, unha vez que a súa bancada se atope xa esgotada. Mentres haxa localidades libres soamente poderán retirarse entradas da bancada correspondente ao carné. Unha vez esgotada, habilitaranse as seguintes opcións en bancada superior:

MARATHON INFERIOR => MARATHON SUPERIOR
PAVILLÓN INFERIOR => PREFERENCIA SUPERIOR LATERAL (BANCADA VISITANTE - ACCESO PORTA 20)
PREFERENCIA INFERIOR => PREFERENCIA SUPERIOR CÓRNER

Unha vez completado o proceso recibirase directamente a entrada no correo electrónico introducido (recoméndase revisar a bandexa de entrada ou de correo non desexado) xunto ás indicacións necesarias para poder gozar, con total seguridade e coa paixón de sempre, da experiencia nas nosas instalacións para ver en directo un partido do Dépor.

A primeira hora da tarde de hoxe notificouse a dispoñibilidade de entradas ás socias e socios que autorizaron o envío de comunicacións por parte do Club no seu proceso de renovación do abono. En atención ás peticións recibidas no Club desde ese momento, proximamente habilitarase un sistema para ampliar esta base de datos de persoas abonadas que queiran autorizar o envío de comunicacións operativas e comerciais por parte do RC Deportivo.