RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Yuri anula ao Dépor con dous goles na primeira metade (2-0)

O Deportivo sufriu unha nova derrota na súa visita á Ponferradina, que levou a vitoria grazas a dous goles do seu veterano dianteiro Yuri, o primeiro deles no primeiro achegamento e disparo a porta do conxunto berciano.

O técnico deportivista, Luis César, realizou dous cambios con respecto ao equipo que perdeu na pasada xornada fronte ao Real Zaragoza en ABANCA-RIAZOR. Os dous no xa habitual trío de ataque. Mollejo e Aketxe deixaron o seu sitio a Borja Galán e Jovanović.

Arrancou ben o Dépor, que antes de cumprirse o minuto de xogo trenzou unha boa acción pola esquerda, que concluíu cun centro de Luis Ruiz que José Antonio Caro esperou demasiado e anticipóuselle Mamadou Koné. Pese á clara derriba, o colexiado non castigou a acción con penalti.

Con todo, no seu primeiro achegamento, no seu primeiro disparo a porta, a Ponferradina adiantouse no marcador. Yuri, totalmente desmarcado, cabeceou ao fondo das mallas un centro pasado de Ríos Reina desde a esquerda do ataque berciano.

No minuto 11, Pablo Valcarce rematou excesivamente cruzado desde o extremo esquerdo, ao final dunha combinación de todo o ataque local. Dez minutos máis tarde, Isi rematou de socato un córner lanzado por baixo ao primeiro pau por Ríos Reina. Dani Giménez atrapou o coiro en dous tempos. Quen o tentou no minuto 33 foi Pablo Larrea, cun disparo desde a frontal da área que se perdeu á dereita do portal de Dani Giménez.

Após ese longo intre de dominio e oportunidades do equipo leonés, respondeu o Dépor cun contragolpe pola dereita, que acabou no extremo esquerdo con Luis Ruiz dobrando a Borja Galán. O potente centro-chute do lateral esquerdo rexeitouno José Antonio Caro a córner como boamente puido.

Con todo, a Ponferradina ampliou distancias nun novo contragolpe, cando máis tempo tiña o balón o Deportivo. Após unha perda en mediocampo, Yuri fíxose co balón, a defensa coruñesa retrocedeu e o brasileiro, ao entrar na área, disparou cruzado lonxe do alcance de Dani Giménez. Corría o minuto 42.

Con dous tantos de desvantaxe, á volta do descanso Luis César realizou dous cambios. Retirou do campo a Mujaid e Jovanović para dar entrada a Mollejo e Christian Santos. Borja Galán pasou entón ao lateral dereito, mentres Koné escorouse á esquerda deixando o seu lugar no centro do ataque ao dianteiro venezolano.

No minuto 52, o Deportivo saíu con velocidade por medio de Borja Galán, que cedeu para o centro a Peru Nolaskoain e este lanzou cara á esquerda a Mollejo. O xogador cedido polo Atlético de Madrid lanzou un potente zurdazo ante o que se interpuxo José Antonio Caro, deixando o balón solto na área. Christian Santos non chegou por pouco ao rexeite para remachar ao gardameta berciano.

Yuri estivo a piques de facer o terceiro gol da súa conta particular no minuto 61, noutra acción na que arrancou practicamente desde campo propio, man a man con Lampropoulos. Á entrada da área, o ariete local cambiou de ritmo e disparou raso e cruzado, pero Dani Giménez respondeu magníficamente para desviar o balón.

Instantes despois, Luis César esgotou os seus cambios dando entrada a Beto da Silva por Lampropoulos. Con esta substitución, Peru Nolaskoain atrasou a súa posición ao centro da zaga. E no minuto 67, Mollejo acertou a cabecear ao fondo das mallas un fenomenal centro de Koné despois dunha rápida acción de ataque dos deportivistas saíndo desde a defensa. Con todo, o VAR, que non interveu para analizar o penalti do inicio do partido, si o fixo nesta ocasión para anular o tanto por un fóra de xogo milimétrico.

Esa acción puxo case o punto e final ao partido, no que apenas volveu haber algún ataque digno de mención por parte de calquera dos equipos. Iso si, o partido concluíu coa segunda amarela a Somma, xa no tempo engadido, por lanzar o balón contra o chan despois dunha dubidosa falta coa que lle castigou o árbitro.

SD Ponferradina: José Antonio Caro, Son, Russo, Trigueros, Ríos Reina, Isi, Saúl Crespo, Pablo Larrea (Fullana, min. 71) (Nacho Gil, min. 85), Pablo Valcarce (Luis Valcarce, min. 78), Kaxe e Yuri.

RC Deportivo: Dani Giménez, Mujaid (Christian Santos, min. 46), Lampropoulos (Beto da Silva, min. 62), Somma, Luis Ruiz, Peru Nolaskoain, Álex Bergantiños, Vicente Gómez, Jovanović (Mollejo, min. 46), Koné e Borja Galán.

Goles: 1-0 Yuri (min. 7); 2-0 Yuri (min. 42).

Árbitro: Ortiz Arias (c. madrileño). Expulsou a Somma (min. 90+4) por dobre amoestación. Cartón amarelo a Somma (min. 21), Luis Ruiz (min. 28), Pablo Larrea (min. 63) e Isi (min. 85).

Incidencias: partido da 20ª xornada de LaLiga SmartBank disputado no Estadio de El Toralín ante 7.168 espectadores, con ao redor de medio milleiro de deportivistas nas bancadas.